11 ago 2014

Turismo de Galicia destina preto de 600.000 euros aos beneficiarios que se acolleron ás ordes de axudas turísticas deste ano 2014

Turismo de Galicia publicou este ano catro ordes de subvencións nas que se rexistraron 279 beneficiarios.

As axudas estaban dirixidas á certificación, mantemento ou renovación dos distintivos Q de Calidade turística, á contratación de persoal para as oficinas de turismo situadas nos municipios turísticos, ao apoio, á promoción e á difusión das festas declaradas de interese turístico, a ao desenvolvemento de actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia por parte das axencias de viaxes.

A directora de Turismo de Galicia explicou as resolucións das ordes de axudas deste ano publicadas no Diario Oficial de Galicia e salientou que foron 279 os beneficiarios das subvencións concedidas en 2014 por Turismo de Galicia e que sumaron en total arredor de 600 mil euros.

Concretamente a orde de subvención destinada a certificación, mantemento ou renovación dos distintivos Q de Calidade Turística foi outorgada a 160 establecementos turísticos, o que supuxo un incremento do 39,13% con respecto da convocatoria do 2013.

Un total de 25 negocios e centros de hostalería, restauración e lecer do territorio galego obtiveron axudas da administración turística galega para a certificación, 37 recibiron subvencións para a renovación e 98 para o seguimento das correspondentes normas UNE.

A aposta pola calidade turística dende Turismo de Galicia vén realizándose mediante diferentes fórmulas de cooperación público-privada e os resultados plásmanse no ranking estatal no que Galicia, con 249 empresas e servizos turísticos certificados, anual foi a comunidade que tivo mais distintivos Q de Calidade Turística, tras Andalucía.

A directora de Turismo de Galicia tamén incidiu en que foron 15 axencias de viaxes as que se beneficiaron da subvención para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia, 6 axencias mais que o pasado ano. No seu conxunto, os máis de 100 .000 euros destinados a estas axencias permiten dar a coñecer a variada e numerosa oferta existente no noso territorio e expandir a comercialización e difusión da oferta turística da nosa comunidade en todos os ámbitos.

Grazas a estas subvencións, entre outras accións, as axencias beneficiarias realizarán diferentes paquetes turísticos coma a Escapada peregrina ao fin do camiño, a Escapada de pesca, a Escapada mariñeira en Fisterra, a aventura en Mazaneda, o paquete relax en Galicia e Provincia de Ourense, o programa artesanía con alma, o bono do ribeiro Sefardí ou escapadas temáticas como a Galicia salvaxe. Outros programas incidirán na comercialización de destinos concretos como a Ribeira Sacra, a Mariña Lucense, as Rías Altas e Baixas ou as zonas das Rutas dos Viños entre outras territorios. Ademais, tamén deseñarán escapadas específicas para diferentes grupos de poboación como o turismo xuvenil e grupos de escolares, persoas con mobilidade reducida ou o sector senior entre outros.

As axudas completáronse coa concesión de orzamento para deseñar e publicar folletos turísticos de Galicia en diferentes idiomas como por exemplo o coreano, ruso ou xaponés e a asistencia a viaxes promocionais para dar a coñecer o destino Galicia nos mercados emisores.

Esta axuda súmase a outras actuacións de cooperación co sector privado como o convenio co Clúster de Turismo de Galicia de máis dun millón de euros recentemente aprobado no Consello da Xunta para promover a participación activa do sector privado na comercialización turística do destino Galicia.

Pola súa banda, os municipios turísticos tamén se favoreceron das axudas deste ano e así, practicamente todos os concellos declarados municipios turísticos acolléronse a esta subvención para contratar persoal especializado para as oficinas de turismo durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. En total foron 35 municipios os favorecidos por esta axuda, 15 máis que na convocatoria do ano 2013. A Coruña e Pontevedra, ao ser as provincias onde existen un maior número de municipios turísticos tamén foron as que mais número de subvencións obtiveron, con 11 e 10 respectivamente. Ourense pola súa banda obtivo 8 e 6 Lugo. A este respecto, Castro dixo que “Turismo de Galicia destinou máis de 170 mil euros para mellorar a calidade do servizo de atención aos visitantes durante a época de maior afluencia en toda a xeografía galega”.

O paquete de axudas deste ano completouse coas subvencións destinadas ao apoio, á promoción e á difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia. A concesión destas subvencións no pasado ano foi a 49 festas e este ano o número ascendeu ata as 69, que tiveron unha axuda por un importe total de máis de 231.000 euros. No seu conxunto a provincia de Pontevedra conseguiu que 24 festas obtiveran dita subvención, na provincia da Coruña foron 20 as festas de interese turístico de Galicia con subvención e Lugo e Ourense tiveron 15 e 10 festas respectivamente beneficiarias coa devandita axuda.

Ademais, Turismo de Galicia realizou durante o longo do ano convenios específicos para as festas declaradas de interese turístico internacional e nacional.

Con estas subvencións perséguese o cumprimento dos obxectivos marcados no Plan Integral de Turismo de Galicia coa fin de contribuír ao enriquecemento da oferta turística da nosa comunidade aportando un valor engadido ao destino Galicia. Xunto con estas axudas, Turismo de Galicia puxo en marcha diferentes produtos para ampliar a oferta turística da nosa comunidade no período estival como os trens turísticos de Galicia en colaboración con Renfe e o Inorde, as visitas guiadas polos Centros BTT Galicia ou as diferentes exposicións con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago como a de Peregrino e Novo Apóstolo, San Francisco no Camiño ou a gran exposición desta efeméride, On The Road, que ambas as dúas suman mais de 26.000 visitantes dende a súas inauguracións.

Últimos datos turísticos
Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, Galicia rexistrou en xuño un incremento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da comunidade do 4,3%, ata situarse nos 395.790 viaxeiros. A cifra de pernoitas subiu un 6% e alcanzou as 768.306. A cifra de viaxeiros acadou así en xuño o máximo histórico rexistrado en Galicia nun ano non santo.

O mercado nacional medrou un 4,9% en pernoitas nese mes no conxunto da oferta regrada e o mercado internacional presentou un incremento do 14,2% en viaxeiros e un 9% en pernoitas. O mercado internacional acadou máximos históricos no mes de xuño tanto en termos de volume, con 141 mil viaxeiros e 220 mil pernoitas como de peso no conxunto da demanda ao representar o 35,6% dos viaxeiros aloxados e o 28,7% das pernoitas rexistradas.

No acumulado do primeiro semestre do ano, Galicia tamén rexistrou un aumento do 5,5% na cifra de viaxeiros e do 3,9% na de pernoitas do conxunto da oferta de aloxamento regrado.

Neste primeiro semestre o turismo internacional subiu un 12,8% en viaxeiros e nun 7,4% en pernoitas con respecto ao mesmo período do ano pasado. En total, nos seis primeiros meses do ano, Galicia recibiu 1,5 millóns de viaxeiros e rexistrou 2,8 millóns de pernoitas.

Nestes seis primeiros meses do ano, o turismo internacional medrou un 12,8% en viaxeiros e un 7,4% en pernoitas con respecto ao mesmo semestre do 2013, polo que acadou o seu máximo histórico de viaxeiros e pernoitas con máis de 416 mil e 675 mil respectivamente.

En canto ao gasto total dos turistas estranxeiros en Galicia, no mes de xuño situouse por enriba dos 77 millóns de euros, un 38,3% máis que no mesmo mes do pasado ano.


No primeiro semestre deste ano, o gasto do turista estranxeiro ascendeu a 354.163.719 euros o que supón un incremento do 20,3% con respecto ao primeiro semestre do 2013.

Peregrinos
Desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o día de hoxe chegaron a Santiago un total de 131.506 peregrinos. Deles, o 53,35% son estranxeiros e o 46,65% restantes son españois. No que vai de ano, recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago 11.117 peregrinos máis que os que o fixeron no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 9,23%.

Arriba