Preto do 65% do Plan anual de inspección turística 2014 executouse durante o primeiro semestre do ano e un total de 658 empresas e 15 asociacións acolléronse ao Plan de arbitraxe de consumo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co secretario xeral de Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, presentaron o balance da actividade inspectora do primeiro semestre do ano e o proxecto pioneiro de arbitraxe de consumo no sector turístico.
Nos primeiros seis meses do ano, o departamento de inspección turística da Xunta de Galicia realizou 3.851 actuacións, das que 2.519 foron actas de constancia, 135 de infracción e 1.197 informes realizados.
Co novo Plan de arbitraxe de consumo realizáronse máis de 100 actuacións formativas con representantes do sector e responsables locais de turismo de numerosas localidades galegas, e conseguiuse que 658 empresas e 18 asociacións se adheriran ao sistema.
A directora de Turismo de Galicia presentou os resultados da actuación inspectora e sancionadora en materia turística realizadas no primeiro semestre do ano por parte da Xunta e, neste sentido, detallou que foron 3.851 as actuacións executadas neste período polas áreas de inspección de Turismo de Galicia, nas que prevaleceu a función asesora e preventiva fronte á estritamente disciplinaria.
Estas actuacións son o resultado das comprobacións derivadas das actuacións de oficio levadas a cabo polo persoal inspector, así como polas novas aperturas de establecementos turísticos, modificacións substanciais dos mesmos e as 260 denuncias presentadas polas persoas usuarias turísticas.
A directora de Turismo de Galicia detallou que, no primeiro semestre do ano, executouse o 64,56% do Plan anual de inspección turística ao levarse a cabo as 3.851 actuacións en 1.439 empresas e establecementos diferentes.
O maior número de visitas realizouse aos establecementos de restauración, concretamente os inspectores acudiron a 779 restaurantes, bares e cafetarías o que reflicte que se está no 73% dos obxectivos plantexados no Plan anual de inspección.
A directora de Turismo de Galicia tamén comentou que neste primeiro semestre executouse o 75,93% dos obxectivos prefixados para as vivendas e apartamentos turísticos, o 54,87% dos relativos aos hoteis, pensións e albergues turísticos e o 52,22% dos establecementos de turismo rural. Os campings son unha prioridade para o segundo semestre do ano debido ao período de apertura destes establecementos, agregou.
Xunto cos establecementos de restauración e aloxamento, o servizo de inspección realiza visitas as axencias de viaxes, en concreto acudiron a 105 axencias diferentes, o que corresponde ao 79,55% do total das axencias estipuladas no Plan a visitar.
Nestas actuacións prevaleceu a función asesora e preventiva da inspección fronte a estritamente disciplinaria. Concretamente, o número total de actas de constancia foi de 2.519 fronte ás 135 de infracción.
Xunto ás actas realizáronse 1.197 informes de diferentes tipoloxías, tal e como expuxo a directora de Turismo de Galicia. O informes técnicos están dirixidos a orientar os promotores turísticos nas súas actuacións, os informes de subvencións garanten a axeitada utilización dos fondos públicos na promoción e fomento do sector turístico e os informes de denuncia son a consecuencia das denuncias das persoas usuarias turísticas.
Actividade sancionadora
Tras as actuacións realizadas, na actividade sancionadora contabilizáronse 222 expedientes incoados e 209 resoltos no actividade sancionadora. Os expedientes non resoltos atópanse en tramitación e serán concluídos ao longo deste ano. A infracción turística máis reiterada foi a relativa ao funcionamento do establecemento sen ter presentado a correspondente declaración responsable, aínda que tamén foi usual a infracción que afecta aos cambios ou reformas substanciais non declarados polo empresario ou empresaria turística. En menor medida, tamén se detectou a negativa ou resistencia á entrega de follas de reclamacións aos usuarios turísticos ou a deficiente prestación dos servizos. Nava Castro recalcou que no primeiro semestre deste ano non existiu a tipoloxía infractora de ‘moi grave’ ao predominar a actividade informadora e asesora sobre a disciplinaria.
Máis información e asesoramento
Con estes resultados, Nava Castro comentou que se produciu un maior volume da actividade informadora e asesora sobre a disciplinaria. “O obxectivo é estar en contacto permanente cos profesionais do sector turístico mediante visitas constantes aos establecementos asesorándoos en canto ao cumprimento da normativa vixente, ben a petición dos propios empresarios e empresarias ou ben como consecuencia das actuacións de oficio do persoal inspector” engadiu.
Castro tamén explicou que o Plan de Inspección plasma un especial seguimento ao Camiño Francés debido á gran afluencia de turistas e visitantes que está a acadar durante estes últimos anos. Así, lévanse inspeccionado o 47,7% dos establecementos situados nos concellos por onde transcorre esta ruta, polo que existe unha maior presenza da administración turística no camiño a fin de persuadir a quen ofrece aloxamento non regrado.
Plan de arbitraxe de consumo no sector turístico
Nesta presentación, Nava Castro e o secretario xeral de Unión de Consumidores de Galicia tamén expuxeron toda a información relativa a un plan pioneiro posto en marcha durante este ano que pretende introducir a figura da arbitraxe de consumo no sector turístico como mecanismo de resolución extraxudicial de conflitos.
Con este proxecto o número de adhesións empresariais alcanzou as 658 as que hai que engadir as 18 asociacións que formalizaron a súa adhesión ao sistema de arbitraxe. Tal como dixo Miguel López Crespo, segundo a experiencia de Unión de Consumidores de Galicia, o resultado de adhesións voluntarias con este programa foi todo un éxito pola gran aceptación.
Entre as actuacións desenvolvidas neste proxecto pódese citar a edición de publicacións dirixidas tanto para os usuarios turísticos como para os empresarios e profesionais do sector, a celebración de mais de 100 actuacións formativas con representantes do sector e responsables locais de turismo de numerosas localidades galegas, a creación dun protocolo de actuación ante as reclamacións do sector turístico e a planificación dunha campaña de difusión do sistema arbitral e o desenvolvemento da mesa.