Directivos da “National Trust” peregrinan a Santiago a través do Camiño Inglés
A directora de Turismo de Galicia recibiu ao grupo de directivos da National Trust na súa chegada á praza do Obradoiro.
Os directivos completaron, desde o pasado luns 15 de setembro, as cinco etapas do Camiño Inglés co fin de promover a ruta nos seus respectivos mercados turísticos.
Nava Castro destacou que o Camiño Inglés cada vez ten máis adeptos. No que vai de ano, 6.100 peregrinos realizaron este Camiño, un 58% máis que o pasado ano.
O grupo de directivos da International National Trust Organisation (INTO) chegaron o día 20 a praza compostelá do Obradoiro completando así as cinco etapas do Camiño Inglés que une Ferrol con Santiago de Compostela.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, recibiu os recoñecidos peregrinos británicos entre os que se encontraban o titular da National Trust, Simon Molesworth; o vicepresidente, Bill Turner; e a responsable da área de intercambio europeo e de xestionar a Rede Europea de Organizacións de Patrimonio, Catherine Leonard.
Desde a Europa Medieval, ingleses e irlandeses entre outros, empregaban xa os camiños do mar para chegar a Ferrol ou Coruña. Esta tradición continuou ata os nosos días, e hoxe o Camiño Inglés é transitado por numerosos peregrinos. Na recepción, Nava Castro destacou que no que vai de ano, 6.100 peregrinos realizaron este Camiño, un 58% máis que o pasado ano. “Este dato testemuña que o atractivo do Camiño Inglés cada vez ten máis adeptos e é labor de todos o mantelo e promovelo co fin de dar a coñecer esta gran marabilla”, explicou a directora de Turismo.
A peregrinación deste grupo de directivos, que comezou o pasado luns 15 de setembro, tiña como obxectivo promover a ruta nos seus respectivos mercados turísticos. Neste sentido, Nava Castro, explicou que a conservación e desenvolvemento sustentable do Camiño garantirán un legado que temos a obriga de transmitir ás futuras xeracións. "É función de todos os que o amamos e o vivimos ser capaces de comunicar a súa verdadeira esencia e de preservar o seu sentido auténtico e o seu patrimonio material e inmaterial", sinalou.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia quixo agradecer á National Trust o seu apoio na difusión deste Camiño no mercado anglosaxón e invitou os directivos a repetir esta peregrinación en futuras ocasións.