24 out 2014

A Festa do botelo do Barco de Valdeorras, o Entroido de Maceda e o Belén electrónico de Begonte, declaradas de interese turístico

Así o aprobou o Consello da Xunta de acordo co procedemento para a declaración de festas de Galicia de interese turístico regulado no capítulo III do citado Decreto 39/2001

O Consello da Xunta aprobou a declaración de festa de interese turístico de Galicia para a Festa do Botelo do Barco de Valdeorras, o Entroido de Maceda e o Belén Electrónico de Begonte.

De acordo co procedemento para a declaración de festas de Galicia de interese turístico regulado no capítulo III do Decreto 39/2001, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, e emitidos os preceptivos informes polas delegacións territoriais, reuniuse a comisión de valoración que analizou as solicitudes e acordou elevar ao Consello da Xunta para a súa aprobación as propostas.

Na citada comisión valoráronse os requisitos de antigüidade mínima de dez anos, a singularidade e orixinalidade das celebracións, así como o seu arraigamento popular e o seu valor cultural. Así mesmo, tivéronse en conta criterios como a afluencia de visitantes, a calidade dos actos que configuren a celebración, a súa creatividade, e o adecuado coidado dos contornos paisaxísticos, urbanos e monumentais, entre outros.

A Festa do Botelo celébrase de modo interrompido desde o ano 2001, e conta coa singularidade de ser, na actualidade, unha das poucas que se celebra en Galicia para honrar este singular embutido, típico e xenuíno da comarca de Valdeorras. Esta festa reúne cada ano máis de novecentas persoas nun xantar colectivo no cal se pode degustar o botelo acompañado de cachelos con repolo e chourizos, con viño tinto do Barco, así como a sobremesa de torta de roxóns. O valor cultural maniféstase nas distintas actividades que se levan a cabo como un acto cultural en que se dá lectura ao pregón.

En relación ao Entroido de Maceda non se ten clara a súa orixe, aínda que se ten constancia documental e fotográfica dun traxe do ano 1890, e na actualidade celébrase de xeito interrompido desde o ano 1997. Este Entroido é diferente do resto dos entroidos pola forte personalidade do seu protagonista “O Felo”, non só pola súa vestimenta e máscara, senón polo seu comportamento, posto que é a autoridade nestas datas.

Pola súa parte, a festa do Belén electrónico de Begonte celébrase de modo ininterrompido desde o ano 1972, e a súa singularidade vén determinada polo mesmo feito de realizar un Belén con pezas artesanais e mecanismos electrónicos para o seu movemento que serviu de inspiración a outras iniciativas similares. O valor cultural maniféstase nas múltiples actividades de carácter cultural que complementan a actividade. Este evento converte a Begonte nun lugar de visita imprescindible no Nadal.
 

Arriba