Chega a Portomarín a exposición ‘Beléns. De Asís a Compostela’ que percorrerá nove localidades de Galicia e Castela e León
A mostra poderá verse en Portomarín e Sarria ata o vindeiro 30 de novembro e percorrerá nos próximos meses as cidades de Burgos, Carrión de los Condes, Astorga, Roda, Medina de Rioseco, Santiago de Compostela e Ourense.
Dita exposición, que une nun só programa as sensibilidades xacobea e franciscana, conta con pezas de distintas épocas alusivas ao Misterio de Belén e a peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.
Dende o luns 3 de novembro ata o vindeiro día 30, Portomarín, acolle, na súa Casa do Concello, a mostra ‘‘Beléns. De Asís a Compostela”. A exposición, promovida pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, enmárcase nas actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
Esta mostra forma parte dun ciclo de exposicións de beléns temporais que percorrerá lugares seleccionados do camiño que realizou o Santo de Asís. Deste xeito, a exposición pode verse este mes de novembro, ademais de en Portomarin, en Sarria, no seu Centro de Cultura Municipal, onde foi inaugurada o pasado 25 de outubro. Así mesmo, ao igual que os peregrinos realizan o Camiño de Santiago en varias etapas, este proxecto visitará tamén Burgos, Carrión de los Condes, Astorga, Roda, Medina de Rioseco, Santiago de Compostela e Ourense.
A exposición, que une nun só programa as sensibilidades xacobea e franciscana, conta con pezas de distintas épocas, pertencentes a coleccionistas privados, alusivas ao Misterio de Belén e a peregrinación a Compostela, como María e Xosé camiño de Belén, os Reis Magos como os primeiros peregrinos, a Huída a Exipto, entre outras.
Trátase dunha conmemoración e recoñecemento a San Francisco de Asís, polo seu impulso e propagación universal desta devoción popular.
San Francisco de Asís e o Belén
San Francisco de Asís iniciou a reprodución dos nacementos na Noiteboa de 1223. A inspiración para realizar esta representación tivo lugar durante a súa oración na ermida de Greccio. O primeiro Belén vivinte da historia representouse así nesta cidade italiana e constituíu un episodio de gran relevancia na vida do santo de Asís.
A idea de reproducir o nacemento do neno Xesús popularizouse de xeito moi rápido en todo o mundo cristián. Esta tradición que permanece ata os nosos días é o eixo central do ciclo ‘‘Beléns. De Asís a Compostela”.