O xerente do Xacobeo destaca a crecente importancia do Camiño Portugués que representa xa preto do 15% do total de peregrinos
Rafael Sánchez sinalou que o Camiño Portugués representa un obxectivo estratéxico para Turismo de Galicia.
Así mesmo, incidiu na necesidade de colaborar conxuntamente para lograr que se encontre en óptimas condicións tanto nos seus trazados coma nos seus equipamentos.
No que vai de ano, 35.110 peregrinos percorreron este camiño, sendo o mais transcorrido despois do Francés.
A Igrexa Románica de San Pedro de Rates en Póvoa de Varzim acolleu o Coloquio Internacional do Camiño de Santiago por Rates que contou coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e dous representantes da entidade de Turismo de Galicia.
Durante o encontro foron debatidos diversos asuntos ligados ao turismo e á mellora dos camiños de Santiago. Deste xeito, o coloquio centrouse na análise de temas como a creación dun centro de estudos dedicado ao Camiño de Santiago, a súa sinalización, o seu desenvolvemento baseado nun turismo sustentado, a importancia das relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, así como a creación dun curso de nivel universitario, onde se estude o Camiño.
A sesión inaugural contou coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, que sinalou a crecente importancia do Camiño Portugués que con mais de 35.000 peregrinos representa xa preto do 15% do total.
O xerente do Xacobeo explicou na súa intervención que o Camiño Portugués representa un obxectivo estratéxico para Turismo de Galicia. Así mesmo, destacou a necesidade de colaborar conxuntamente para lograr que se encontre en óptimas condicións tanto nos seus trazados coma nos seus equipamentos.
Rafael Sánchez, sinalou que o Camiño promove valores universais de encontro e cooperación idóneos para o ámbito da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal. Neste senso, explicou que, con produtos como o Camiño Portugués ou co resto de produtos turísticos que ambos territorios da Eurorexión comparten, pódese ser mais atractivos traballando de maneira conxunta no aproveitamento eficiente dos recursos, co fin de dalos a coñecer tanto aos mercados internacionais coma ao mercado de proximidade, moi importante para ambos territorios.
O Coloquio contou ademais cos relatorios de Francisco Singul, xefe da Área de Cultura Xacobea do Xacobeo, e Manuel Rodríguez, técnico de asociacionismo e investigación do Xacobeo.
O segundo Camiño máis transcorrido con máis de 35 mil peregrinos
O Camiño Portugués é un dos produtos estrelas que reforzan a unión de Galicia e o Norte de Portugal ao constituír un trazado que transcorre entre os dous territorios ata a súa culminación en Santiago de Compostela.
Na actualidade o número de peregrinos que realizan o Camiño Portugués vai en aumento. Así, a oficina do peregrino de Santiago de Compostela rexistrou no que vai de ano 35.110 peregrinos que percorreron este camiño, o que representa o 14,9% do total dos camiños, sendo o máis transcorrido despois do Francés.