16 abr 2015

A cidade da Coruña é elixida para albergar o III Congreso Internacional de Calidade Turística

As cidades finalistas, A Coruña, Valladolid e Marbella expuxeron as súas candidaturas na Xunta Directiva do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) en Madrid.

A proposta da Coruña foi defendida polo director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, e o director de Palexco, Enrique Pena.

Este encontro turístico profesional reuniu na súa anterior edición máis de 450 profesionais de todo o mundo e 40 relatores de máxima relevancia nacional e internacional.

Galicia, con 268 empresas certificadas, é a Comunidade Autónoma con máis distintivos Q de Calidade de toda España tras Andalucía.

A cidade de A Coruña foi seleccionada como sede para albergar o III Congreso Internacional de Calidade Turística, despois de expoñer a súa candidatura xunto a Valladolid e Marbella, as outras dúas cidades finalistas.

As cidades presentaron as súas propostas para conseguir atraer este encontro turístico profesional que na súa anterior edición reuniu máis de 450 profesionais na Xunta Directiva do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) en Madrid.

Segundo explicou a directiva do ICTE a candidatura de A Coruña, defendida polo director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, e o director de Palexco, Enrique Pena, foi elixida por aspectos loxísticos, de infraestruturas, pola súa oferta turística, medios técnicos e humanos, pola propia singularidade e atractivo da cidade, e pola decidida política de Turismo de Galicia a favor da calidade, entre outros elementos.

Terceira edición do Congreso
Cos precedentes de tres encontros que se celebraron en anos anteriores en Tenerife, Madrid e Santiago para discutir sobre a importancia da calidade, en 2010, celebrouse por vez primeira en Santander este Congreso Internacional. O seu obxectivo era potenciar a Calidade Turística como motor no desenvolvemento dun sector turístico comprometido coas necesidades do presente e do futuro.

Tres anos despois, en outubro de 2013, celebrouse a segunda edición deste simposio, que tivo lugar en Las Palmas de Gran Canaria e no que se obtivo unha visión panorámica sobre como o concepto calidade se encontra presente, de forma máis ou menos explícita, tanto nas actuacións sobre política turística das administracións coma nos plans estratéxicos das organizacións.

Os resultados deste último Congreso puxeron en evidencia a importancia que a calidade ten dentro do sector. Participaron máis de 450 representantes de todo o mundo e ofreceron os seus puntos de vista 40 relatores de máxima relevancia nacional e internacional.

Os obxectivos desta nova reunión internacional, a terceira edición, son reunir, se cabe, un maior número de representantes turísticos internacionais para debater sobre o futuro da calidade, coñecer a evolución do Sistema de Calidade Turístico Español, SCTE, e a Marca Q de Calidade Turística, promover e poñer en valor a Marca 'Q' como referente tanto nacional como internacional e promover acordos de colaboración nacionais e internacionais.

Galicia, líder en calidade turística
No pasado ano, Galicia converteuse, con 268 empresas certificadas, na Comunidade Autónoma con máis distintivos Q de Calidade de toda España tras Andalucía sendo a comunidade que rexistrou un incremento mais elevado de empresas certificadas. Concretamente este aumento foi do 7,6% en relación ao ano anterior.

Galicia ademais mantense como a comunidade cunha maior oferta de aloxamento turístico global certificada, co 20,7% do total do Estado.

A isto hai que engadir que Galicia é líder en número de distincións en empresas e servizos tan estratéxicos para a nosa comunidade como son os establecementos rurais, os hoteis e apartamentos turísticos, os balnearios, as instalacións náutico-deportivas, os campos de golf, as empresas de turismo activo, o turismo industrial e o lecer nocturno.

Arriba