Galicia acada este ano oito bandeiras azuis máis que en 2014 e continúa á cabeza de España, con 131 distincións para as súas praias
Ponte Caldelas consegue para a praia fluvial da Calzada a primeira bandeira azul dunha praia fluvial galega e a segunda deste tipo que se outorga en España.
Un total de 40 concellos galegos logran este recoñecemento pola calidade e os servizos dos seus areais.
A comunidade galega acapara o 22% das 577 bandeiras azuis outorgadas a praias españolas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor.
Sanxenxo, con 12 distintivos, repite como o municipio galego con máis bandeiras azuis nos seus areais.
Na provincia da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, mentres que na provincia de Lugo son Barreiros e Foz os concellos con máis distintivos a praias.
O concello de Valdoviño recupera as 5 bandeiras azuis que tiña en 2013: Meirás-O Río, Frouxeira, Balea, Pantín e Vilarrube.
A comunidade obtén ademais 19 bandeiras azuis a portos deportivos, os mesmos que en 2014, dos que nove son da provincia de Pontevedra, oito da Coruña e 2 de Lugo.
Galicia conserva os 14 centros azuis que tiña en 2014, dun total de 62 en España.
A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española con maior número de bandeiras azuis en 2015. Este ano Galicia acadou un total de 131 distincións a praias, 8 máis que o ano pasado, repartidas por un total de 40 concellos.
Deste xeito, a comunidade galega acapara o 22% das 577 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade Valenciana (120 bandeiras).
Este ano Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego con máis bandeiras azuis, con 12 praias distinguidas. En segundo lugar sitúase o concello de Cangas do Morrazo, ao manter as 10 bandeiras do pasado ano.
Este ano a ADEAC concedeu a primeira bandeira azul en augas interiores galegas na praia fluvial da Calzada, no municipio pontevedrés de Ponte Caldelas. Trátase da segunda bandeira azul que se outorga a augas interiores en España, logo da adxudicada a ao encoro de Orellana la Vieja, en Estremadura.
A praia fluvial da Calzada ten uns 250 metros de lonxitude e recibe uns 250 visitantes ao día de media. Trátase dunha zona de baño formada por unha presa de pedra nun bosque de ribeira de ameneiros, castiñeiros e carballos. A calidade destas augas de baño foi cualificada como excelente na temporada 2014. A praia disporá dos mesmos servizos que as praias marítimas con bandeira azul.
Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en 2014; o concello do Grove, que consegue manter as seis que xa tiña o pasado ano, e Marín, que este ano suma a praia do Santo ás de Aguete, Mogor e Portocelo.
Na provincia da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete. Fisterra, pola súa banda, volve á lista de concellos galardoados ao recuperar a bandeira azul para a praia de Langosteira. Destaca ademais que o concello de Valdoviño recupera as cinco bandeiras azuis que tiña en 2013: Meirás-O Río, Frouxeira, Balea, Pantín e Vilarrube.
Polo que respecta á provincia de Lugo son Barreiros e Foz os concellos máis recoñecidos, con seis galardóns cada un. Neste ano destaca a incorporación á listaxe de concellos con bandeira azul Viveiro e Cervo, coas praias de Area e O Torno, respectivamente.
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.
Portos deportivos, centros e sendeiros azuis
En relación aos portos deportivos, en 2015 Galicia obtén 19 galardóns (os mesmos que en 2014), dos que nove son das provincia de Pontevedra, oito da Coruña e dúas de Lugo.
É de destacar tamén que Galicia mantén os 14 centros azuis que xa tiña en 2014, dun total de 62 en toda España. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul. O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Redondela, Muros, Oleiros, Ortigueira, Boiro, Ribeira e Burela, por sen quen de manter estes recoñecementos.
Por outra banda, este ano haberá 16 sendeiros azuis en Galicia, un máis que o ano pasado grazas á inclusión este ano do sendeiro litoral de Portonovo, en Sanxenxo. Estes galardóns outórganse a aqueles municipios que manteñen ou reforzan antigas sendas e camiños naturais no litoral para a realización de actividades recreativas, deportivas, turísticas e de educación ambiental.
Finalmente, Galicia tamén recibiu este ano dúas distincións temáticas: ao concello de Ribadeo en materia de Información e Educación Ambiental, e ao Club Náutico Ría de Ares, polo seu esforzo en Ruptura de Barreiras arquitectónicas e atención a persoas con necesidades especiais.
A continuación detállase por provincias: