Turismo de Galicia achega 200.000 euros para a promoción da Ribeira Sacra como destino de interior
Grazas a un convenio, Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra traballarán conxuntamente para mellorar os soportes de información, incrementar as accións de promoción e aumentar a oferta turística do xeodestino.
Nava Castro enxalzou o alto valor natural e cultural desta zona e a importancia de iniciativas deste tipo na consolidación de Galicia como un destino multiexperiencial.
No primeiro trimestre de 2016 aumentaron nun 7,8% os viaxeiros aloxados e nun 28% as pernoitas rexistradas na Ribeira Sacra.
Turismo de Galicia achegará 200.000 euros para a promoción turística da Ribeira Sacra como destino de interior. Así se recolle nun convenio de colaboración asinado entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández. No acto tamén estiveron presentes as delegadas da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e en Ourense, Marisol Díaz.
Durante o acto de sinatura, Nava Castro fixo fincapé no carácter estratéxico desta iniciativa para consolidar a Ribeira Sacra como un referente no turismo de interior e lograr un impacto positivo nas economías locais. Ao mesmo tempo, enxalzou o alto valor natural e cultural dos recursos endóxenos desta zona e a importancia de iniciativas deste tipo na consolidación de Galicia como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e desestacionalizadora.
O convenio, que estende a súa vixencia ata 2017, beneficiará aos 21 concellos que conforman a Ribeira Sacra: os municipios lucenses da Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada; e as entidades locais ourensás da Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo.
Diversidade de produtos turísticos
Con este acordo, a Xunta de Galicia e o Consorcio traballarán para mellorar os soportes de información, incrementar as accións de promoción e aumentar a oferta turística da Ribeira Sacra.
Deste xeito, deseñaranse novos materiais informativos e planos turísticos da Ribeira Sacra e incrementarase a oferta dispoñible poñendo en marcha novos produtos como as “Rutas do Románico”, consistentes en visitas organizadas a mosteiros, igrexas e capelas, posibilitando o acceso do visitante ás mesmas e co valor engadido das explicacións especializadas dun guía oficial.
Ademais, levarase a cabo a “Party Ribeira Sacra”, un xogo dirixido a sensibilizar escolares sobre a rexión; a actividade “Pasaporte ás nubes”, unha acción de fidelización de viaxeiros co sorteo de viaxes en globo aerostático para contemplar as paisaxes da Ribeira Sacra; e a programación da “Caída da Folla”, consistente en actividades como talleres de fotografía ou recorridos paisaxísticos pola zona durante o outono, época do ano na cal a Ribeira Sacra presenta gran beleza pola policromía da súa vexetación.
O convenio tamén poñerá en valor o enoturismo e a viticultura na rexión continuando con iniciativas como a do “Viñobús”. Así mesmo, para recuperar espazos públicos degradados, incrementaranse os murais exteriores de arte urbana. Tamén se estudará a organización dun festival de sendeirismo.
Datos do turismo no xeodestino
Esta non é a primeira vez que Turismo de Galicia fai unha achega deste tipo para a promoción turística da Ribeira Sacra. O convenio constitúe unha continuación da colaboración establecida nesta área a través dos Plan de Dinamización Turística e Excelencia Turística e os seus posteriores convenios.
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia apostou polo impacto positivo que está tendo este traballo conxunto no ámbito deste xeodestino turístico. No pasado ano, segundo sinalou, o xeodestino da Ribeira Sacra rexistrou un incremento do 12,5% nos viaxeiros aloxados en establecementos hostaleiros, superando os 173.000 viaxeiros, e un aumento do 9,7% nas pernoitas efectuadas polos mesmos, contabilizando máis de 258.000. Segundo afirmou Nava Castro, este aumento da demanda tamén se traduciu nun aumento da ocupación de 2 puntos porcentuais.
No primeiro trimestre de 2016 obtivéronse aínda resultados máis positivos ao aumentar nun 7,8% os viaxeiros aloxados e nun 28% as pernoitas.