05 xul 2016

Turismo de Galicia recoñece ao mellor cociñeiro de tapas da segunda edición do seu concurso

Sergio Orge y Rubén González, de El Cafetín de Pontevedra, gañadores Premio Mellor Cociñeiro ‪#‎detapasxgalicia‬

Onte á tarde seleccionouse ao Mellor Cociñeiro 2016 da segunda edición do programa De Tapas por Galicia, impulsado por Turismo de Galicia coa finalidade de promover o turismo urbano e gastronómico e aproveitar o talento dos cociñeiros galegos. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que esta gala é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por poñer en valor a tradición culinaria e a cociña da terra e recoñecer o alto nivel dos cociñeiros galegos.

 

Neste caso, os gañadores foron Sergio Orge e Rubén González, de El Cafetín de Potevedra.

O recoñecemento foi outorgado onte á tarde na Cidade da Cultura, onde se celebrou a II Gala Show Cooking, organizada por Turismo de Galicia e á que, ademais de Nava Castro, tamén asistiu en representación do Goberno galego, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

No evento dábanse cita os cociñeiros finalistas dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas. O seu obxectivo era competir en directo nun show cooking no que presentaron as súas propostas coa finalidade de lograr, tras a degustación das mesmas, o Premio ao Mellor Cociñeiro, outorgado por un xurado profesional. No evento tamén se concedeu un segundo galardón, o Premio Especial do Público, outorgado pola votación de varios convidados á gala, elixidos ao azar.

Os participantes foron Luís Peral, de Oído Cociña da Coruña; Siro González, do Restaurante Siro González de Santiago de Compostela; Pablo Fuentes e Alberto Rodríguez, da Bodega de Estrella de Ferrol; Alejandro Méndez, Os Cachivaches de Lugo; Cristina Dias, de Porta da Pía de Ourense; Sergio Orge e Rubén González, de Cafetín de Pontevedra; e Gerson Iglesias e Carlos Barreira, de Ruxe Ruxe de Vigo.

Os gañadores, ademais de obter o recoñecemento ao seu traballo, foron premiados cunha estancia dunha fin de semana nun balneario galego e cun trofeo creado para a ocasión polo escultor Luís Loureira.

O acto estivo conducido polos presentadores de televisión Yolanda Vázquez e Quique Morales e o xurado profesional encargado de escoller ao mellor cociñeiro estaba composto pola directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, o presidente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campo, e o xornalista de Radio Galega José Manuel García. Este xurado foi o encargado de escoller ao mellor cociñeiro en base á súa tapa, valorando a orixinalidade e o respecto do prato polo produto galego.

 A gastronomía galega como reclamo turístico
Nava Castro afirmou que iniciativas deste tipo permiten impulsar a gastronomía galega, que constitúe o segundo motivo polo que os turistas escollen esta comunidade como destino pola calidade que se ofrece nos máis de 5.300 restaurantes existentes, moitos con importantes galardóns como as 59 Q de Calidade Turística, 13 Estrellas Michelin e 37 Soles Repsol.

Así mesmo, a directora expuxo que a Comunidade galega ofrece máis de 300 festas gastronómicas, das cales 52 contan coa declaración de interese turístico nacional ou autonómica. Tamén exemplificou os numerosos recursos gastronómicos polos que o seu departamento está a apostar para potenciar a imaxe de Galicia como destino enogastronómico.

Nesta liña, Nava Castro subliñou a Ruta dos Viños de Galicia, que promoven o turismo nas zonas de produción das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas; o Outono Gastronómico, que combina o turismo rural coa gastronomía; ou a Ruta da Lamprea, un produto turístico diferenciador creado en 2016 ao redor dos recursos naturais e gastronómicos deste peixe.

Arriba