18 xul 2016

Xunta e Concello de Ourense asinan a cesión do edificio municipal que Turismo de Galicia destinará ao novo albergue de peregrinos

Dende xaneiro chegaron 120.000 peregrinos a Compostela, un 7% máis que no mesmo período de 2015

Dará servizo á Vía da Prata, que recibiu 4.500 usuarios no que vai de ano e conta con doce instalacións públicas deste tipo nas dúas provincias polas que discorre

O Goberno galego xestiona a Rede Pública de Albergues, que suma un total de 70 establecementos deste tipo que ofrecen 3.278 prazas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que o novo albergue da cidade de Ourense, no que o seu departamento investirá 800.000 euros, mellorará a capacidade de acollida de peregrinos da Vía da Prata, que xa recibiu 4.500 peregrinos no que vai de ano e que actualmente conta con doce albergues públicos, nove na provincia de Ourense e tres na de Pontevedra.

A directora fixo estas declaracións con motivo da sinatura da acta de cesión do edificio municipal no que Turismo de Galicia habilitará o novo albergue de peregrinos que se incorpora á Rede Pública de Albergues da Xunta de Galicia. No acto tamén participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Nava Castro subliñou a necesidade destas instalacións en vista dos peregrinos que se decantan por este itinerario xacobeo, ao mesmo tempo que dinamizará o turismo na zona e poñerá en valor un edificio histórico do Casco Vello, entre As Burgas e a propia Praza Maior.

Ademais, a directora enxalzou a importancia desta iniciativa para conservar, protexer e enriquecer a Rede Pública de Albergues, que actualmente conta con 70 establecementos con 3.278 prazas. De feito, lembrou que é unha das liñas estratéxicas do Plan Director do Camiño de Santiago e que a Xunta de Galicia realiza labores de mantemento, reparación e mellora destes establecementos.

Récord de peregrinos

Neste sentido, Nava Castro explicou é fundamental atender ás necesidades desta rede xa que presta servizo aos cada vez máis peregrinos que chegan a Compostela, que foron 262.515 en 2015 e que serán máis en 2016 ao ter xa contabilizados máis de 120.000 dende xaneiro, o que supón un incremento de máis do 7% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Ao respecto, a directora apostou por dotar ao Camiño dos servizos necesarios para os peregrinos xa que a Ruta Xacobea é o principal elemento captador de turismo internacional para Galicia e a súa carta de presentación a nivel mundial, ademais de motor de desenvolvemento cultural, turístico e socioeconómico, en especial para os máis de 100 municipios galegos que atravesa.

Arriba