A Xunta salienta a importancia da formación específica en saúde termal para os profesionais sanitarios
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a directora de Turismo de Galicia asistiron á presentación do ‘Vademecum de las aguas mineromedicinales de Galicia’
Nava Castro destacou a aposta do seu departamento polo turismo termal e de saúde, claves para a creación de produtos turísticos que xeran un alto valor engadido en Galicia como destino
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiron á presentación do Vademecum de las aguas mineromedicinales de Galicia, unha nova publicación impulsada pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia que, en palabras de Nava Castro, contribuirá a pór en valor o importante papel que a formación específica en saúde termal está a ter para os profesionais sanitarios en Galicia.
Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta referiuse a esta nova publicación como unha “eficaz ferramenta” para que os profesionais sanitarios atopen toda a información que precisen sobre as moitas posibilidades terapéuticas das augas galegas.
Segundo manifestou, o libro permitirá avanzar no coñecemento, no estudo e na investigación das propiedades das augas da nosa Comunidade e axudar a consolidar, tamén, o sector da saúde termal en Galicia como “referente nacional e internacional”.
Consolidar o sector da saúde termal
Neste sentido, Nava Castro lembrou o labor levado a cabo pola Administración autonómica neste eido, traballando no Plan de turismo termal e o Plan de turismo de saúde, enfocado á medicina curativa, preventiva, estética e de benestar, “todas elas claves para a creación dun produto turístico que xere un alto valor engadido no noso destino”, indicou.
Con máis de 300 mananciais, acompañados dunha infraestrutura moderna e diversificada composta por máis de 20 balnearios que ofertan preto de 3000 prazas de aloxamento, Galicia conta cun gran potencial no eido termal. Algo que, segundo dixo Nava Castro, Turismo de Galicia está a reforzar impulsando tamén a innovación e formación no sector.
Neste sentido, recordou iniciativas como o impulso ao proxecto Termagal, co que os balnearios galegos contan cunha ferramenta informática para xestionar a historia clínica dos seus doentes dun xeito estandarizado. Tamén se referiu ao convenio de colaboración que mantén Turismo de Galicia coa Universidade de Santiago, polo que se apoia a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, impulsora da publicación.