O Tribunal Superior de Xustiza permite a continuidade do Decreto de vivendas de uso turístico de Galicia
O máximo órgano do poder xudicial da Comunidade Autónoma recoñece que este decreto ofrece un marco de seguridade xurídica tanto para usuarios como para propietarios deste tipo de alugueiro
O máximo órgano do poder xudicial da Comunidade Autónoma permite a continuidade do Decreto de vivendas de uso turístico de Galicia, que entrou en vigor o pasado 10 de maio para ofrecer un marco de seguridade xurídica tanto aos particulares como aos inquilinos deste tipo de alugueiro.
Deste xeito, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar na súa totalidade a solicitude de suspensión deste decreto feita meses atrás por unha asociación de vivendas turísticas, sinalando que falta acreditación dos prexuízos que coa suspensión se tratan de evitar.
No auto, o TSXG considera que o decreto galego de vivendas de uso turístico non limita nin restrinxe a competencia, senón que pon en orde a oferta nun ámbito relevante, incrementando a seguridade de que todos os ofertantes se acomoden a unhas mesmas esixencias e a garantía para os consumidores.
Maior seguridade xurídica
Desde a entrada en vigor do Decreto de vivendas de uso turístico, as solicitudes presentadas avanzan a bo ritmo, xa que nos primeiros dous meses dende a súa entrada en vigor presentáronse máis de 3600 solicitudes en toda Galicia. Este bo ritmo de solicitudes xeral demostra que o decreto non está a diminuír a oferta deste tipo de aloxamentos, senón que a está a incrementar debido á maior seguridade xurídica para poder exercer a competencia.
O decreto galego de vivendas de uso turístico redactouse con transparencia e man a man co sector, recollendo as súas inquedanzas, coa intención de elaborar un documento consensuado, flexible e de moi sinxela aplicación, sendo un dos decretos menos restritivos en comparación con outras comunidades autónomas.