08 abr 2019

Román Rodríguez subliña o interese crecente de Galicia e Portugal por unir esforzos na ruta xacobea

 O titular de Cultura e Turismo participou en Ponte de Lima nun encontro coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago en Portugal

 
Román Rodríguez, en Ponte da Lima.
 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou  nun encontro coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago en Portugal na que salientou o crecente interese de Galicia e o país veciño por unir esforzos na promoción e salvagarda da Ruta Xacobea 

O titular de Cultura e Turismo da Xunta, que estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, subliñou que galegos e portugueses “estamos nun mesmo equipo que peregrina xunto cara a mesma meta” e sinalou que desenvolver estratexias compartidas entre a nosa Comunidade e Portugal “é vital para seguir crecendo de xeito ordenado e sustentable e para seguir incrementando o moito e bo que nos une”.

Na súa intervención, Román Rodríguez destacou o potencial do Camiño Portugués, o segundo trazado máis demandado polos peregrinos, que foi recorrido só no pasado ano por preto de 70.000 persoas, segundo as estatísticas da Oficina do Peregrino. Tal e como reflexan estes datos, o Camiño Portugués pola Costa tamén esta a experimentar unha maior revitalización. De feito, en 2018 este itinerario foi elixido por preto de 14.000 peregrinos. En conxunto, ambos supoñen o 25% do total das Compostelas entregadas.

Traballo dos colectivos xacobeos

O conselleiro de Cultura e Turismo tamén aproveitou a ocasión para agradecer o traballo que fan as asociacións de amigos do Camiño de Santiago como promotoras dos valores universais da ruta. “O dinamismo actual da peregrinación e a revalorización que experimentaron estes trazados nas últimas décadas non sería posible sen vós”, afirmou antes de engadir que os colectivos xacobeos e as entidades públicas comparten obxectivos e proxectos. “Temos en común o gran reto do Xacobeo 2021, unha celebración na que Portugal está chamada a ter un papel protagonista”, declarou.

Co obxectivo de conseguir un Xacobeo participativo e compartido e implicar a diferentes administracións autonómicas, estatais e internacionais na súa celebración, membros do Goberno galego mantiveron hai só unhas semanas un encontro co ministro Adxunto e da Economía do país veciño, Pedro Siza Vieira. A reunión co mandatario portugués centrouse principalmente en abordar colaboracións en materia de turismo e Xacobeo, unha prioridade para o Goberno galego ante a proximidade do Ano Santo 2021.

 

Arriba