03 xuñ 2019

Román Rodríguez propón a creación dun eurodestino que potencie e impulse os atractivos de Galicia e Portugal

 O conselleiro de Cultura e Turismo participou en Braga no Foro de Turismo de Fronteira Europeo e mantivo unha reunión con Ricardo Río, alcalde desta cidade

 
Na súa intervención puxo en valor a riqueza patrimonial e cultural de Galicia e Portugal e destacou o papel vertebrador da Ruta Xacobea
 
O conselleiro de Cultura e Turismo, na cidade portuguesa de Braga.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou en Braga no Foro de Turismo de Fronteira Europeo, organizado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, onde propuxo a creación dun eurodestino común no que se inclúa a Galicia e Portugal co obxectivo de contar cunha maior “potencia e atractivos nun mundo no que é preciso tecer confluencias” e dar continuidade ás colaboracións impulsadas nos últimos anos.

Este destino, tal e como sinalou, estaría baseado na riqueza patrimonial de ambas rexións, na complementariedade dos medios de transporte, na potencia dos recursos turísticos, no papel vertebrador do Camiño de Santiago e na vontade de colaboración das institucións. Unha vontade que, tal e como precisou o titular de Cultura e Turismo, o Goberno galego xa demostrou coa súa implicación na redacción do decreto-lei que regula as accións relacionadas co Camiño de Santiago, no contacto permanente entre administracións ou en proxectos turísticos como Fazendo Caminho, Minho Navegable, Gerés-Xurés Dinámico ou Edit que se impulsan de forma conxunta entre Galicia e Portugal.

Ademais de poñer en valor as vías de colaboración co Goberno do país veciño, Román Rodríguez tamén enxalzou o valor patrimonial e cultural de Galicia e Portugal e destacou o papel vertebrador da Ruta Xacobea. “Tanto na rexión norte de Portugal como en Galicia contamos cun patrimonio histórico, arquitectónico, cultural e paisaxístico de gran riqueza. Contamos con cidades nas que a tradición e a modernidade conviven sen ningún tipo de conflito”, explicou o conselleiro.

Durante a súa estancia na cidade de Braga, o conselleiro de Cultura e Turismo tamén participou na apertura de Expocidades, a mostra turística na que están presentes unha trintena de cidades e vilas do Eixo Atlántico. Ademais, Román Rodríguez mantivo un encontro co alcalde de Braga, Ricardo Río. Nesta xuntanza, os dous mandatarios abordaron o papel que xogará Braga no Xacobeo 21, así como a definición dunha programación cultural conxunta para Galicia e Portugal. O encontro enmárcase no obxectivo da Xunta de involucrar as institucións de todas as rexións polas que pasa o Camiño de Santiago na planificación das celebracións do vindeiro Ano Santo, un acontecemento que se presenta como unha oportunidade única de crecemento e desenvolvemento para Galicia como meta e para todos os pobos e vilas polos que transcorre a Ruta Xacobea.

Revitalización do Camiño Portugués

“Debemos seguir traballando para conseguir novas oportunidades de colaboración a aproveitar os recursos do noso territorio”, salientou Román Rodríguez. Un destes recursos é precisamente o Camiño Portugués, que durante o pasado ano foi o segundo máis frecuentado polos peregrinos. “O potencial do trazado portugués é innegable. No último lustro medrou máis dun 95% e o ano pasado foi percorrido por preto de 70.000 persoas”, precisou o titular de Cultura e Turismo. Ademais, o Camiño Portugués pola Costa, está sendo neste ano, por primeira vez, o terceiro trazado máis percorrido. En conxunto, estes dous camiños supoñen o 25% do total de peregrinos cos que conta o Camiño de Santiago.

 
Arriba