Nava Castro salienta a aposta da Xunta polo turismo de benestar e a formación coa Cátedra de Hidroloxía Médica da USC
A directora de Turismo participou en Oia na inauguración dun curso de verán incluído nesta cátedra formativa impulsada polo Goberno galego
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Oia na inauguración dun curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela no que participa a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia que conta co impulso económico da Consellería de Cultura e Turismo. Nava Castro puxo de manifesto a aposta da Xunta polo turismo de benestar e a colaboración entre balnearios, talasos, centros médicos, axencias de viaxe, presciptores e administración.
A directora de Turismo salientou o interese do Goberno autonómico pola formación no eido da saúde termal da man da Cátedra da USC á que a Consellería de Cultura e Turismo apoia con 40.000 euros anuais a través dun convenio vixente ata 2021. Trátase dunha iniciativa formativa que, dixo, está a demostrar a súa enorme eficacia como ferramenta para a promoción, investigación e coñecemento no eido da hidroloxía médica e para reforzar a calidade dos servizos cos que se atopan os viaxeiros interesados en actividades vinculadas ao benestar e saúde. “Con este apoio impulsamos o sector da saúde termal en Galicia cunha formación de excelencia”, indicou.
Unha excelencia que tamén se fai extensiva aos recursos naturais de Galicia que a converten na segunda rexión europea con maior riqueza en augas minerais e termais, cun gran potencial sanitario, social e turístico. Durante a súa intervención, Nava Castro tamén aludiu ao carácter pioneiro da Comunidade galega ao contar coa primeira lei de España que regula o aproveitamento lúdico das augas termais que aportan beneficios para a saúde.
O apoio da Xunta a actividades formativas como esta cátedra enmárcase nas accións previstas no Plan de Turismo Termal e no Plan de Turismo de Saúde e Termal de Galicia, cos que o Goberno galego está a contribuír, entre outras, á recuperación e aumento da capacidade aloxativa dalgúns balnearios galegos, á sinalización das vilas termais ou á identificación de oportunidades para captar visitantes interesados nos recursos termais e de saúde de Galicia.