Turismo de Galicia resolve os premios Camiño de Santiago que distinguen a institucións e colectivos polo seu traballo no ámbito Xacobeo
Os gañadores na categoría destinada a empresas son Leidiz, por un proxecto para percorrer a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla en kaiak, e Tdniet App, que presentou unha aplicación para teléfonos móbiles
Turismo de Galicia vén de resolver os Premios Camiño de Santiago 2019, uns galardóns convocados pola Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de recoñecer o traballo no ámbito xacobeo de asociacións, empresas, colexios e investigadores.
Na categoría destinada ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago, tanto nacional como internacional, o xurado decidiu premiar á Fundación Acogida Cristina en los Caminos de Santiago pola calidade das súas actividades divulgativas e polos seus proxectos de investigación. Ademais, decidiuse propoñer unha mención especial para a Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago a Madrid tendo en conta o especial traballo que están a desenvolver na dinamización, formación e promoción da Ruta Xacobea. No panorama internacional, os galardoados foron a Asociata Prientenilor Camino de Santiago e o Círculo Chileno de Amigos del Camino de Santiago de Compostela que comparten o premio.
Outro dos ámbitos recoñecidos correspóndese cos proxectos presentados por persoas físicas ou xurídicas e pequenas e medianas empresas. Presentáronse neste apartado seis candidatos e determinouse que o primeiro premio recaera no proxecto de Leidiz para percorrer a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla en kaiak. O segundo premio foi para Tdinet App, que presentou un proxecto baseado nunha aplicación para o teléfono móbil que permite a persoa interesada acceder a información seleccionada sobre o Camiño de Santiago.
Finalmente, na categoría de investigación, concedéronse premios en duás modalidades. Na primeira, destinada a universidades, centros de investigación ou investigadores independentes, o xurado decidiu galardoar a Albert Feliu Soler polo carácter innovador e pluridisciplinar da súa investigación sobre o benestar psicolóxico que provoca e promove a peregrinación xacobea na actualidade. Na segunda modalidade, para os centros de ensinanza non universitaria de Galicia, o premiado foi o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, en Oroso, ao propoñer unha peregrinación cos alumnos de 6º de Primaria saíndo da Abadía de Finchale en Durham, considerada a primeira etapa do Camiño Inglés.