07 xuñ 2021

A Xunta e a Deputación da Coruña reforzan neste Xacobeo a colaboración para promocionar as rutas que pasan pola provincia a través da Mesa dos Camiños

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na constitución da Mesa de Traballo do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso pola provincia da Coruña

Alfonso Rueda destacou que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos nun destino seguro cuns Camiños seguros nos que se levaron a cabo actuacións de conservación, sinalización e embelecemento, ademais da ampliación e mellora na rede pública de albergues
 
 
Reunión Xunta/Deputación da Coruña.

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na constitución da Mesa dos Camiños, co obxectivo de reforzar neste Xacobeo 21-22 a coordinación na promoción das rutas que discorren pola provincia.

Deste organismo forman parte tamén representantes dos municipios que atravesan estes itinerarios, así como de entidades veciñais e empresariais ou das universidades. Pola provincia da Coruña pasan os Camiños Primitivo, o Francés e o Portugués, pero destacan o Camiño Inglés e a prolongación Muxía-Fisterra, que atravesan integramente concellos coruñeses. Coa mesa constituída hoxe preténdese precisamente afondar no fomento da conservación destas dúas últimas rutas ademais de poñer en valor e dar a coñecer a nivel nacional e internacional o seu valor cultural e o seu patrimonio histórico.
 
Alfonso Rueda incidiu na colaboración entre o Goberno galego e a Deputación coruñesa en canto á divulgación e mellora das rutas xacobeas na provincia. Tanto no Camiño Inglés como no Camiño Fisterra-Muxía, a Xunta ten investido 2 millóns de euros en cada caso en actuacións de conservación, mantemento e sinalización.
 
Estas accións enmárcanse dentro do Plan Director do Camiño 2015-2021 e do Plan Estratéxico Xacobeo co obxectivo de ter acondicionados e sinalizados todos os Camiños neste Ano Santo Dobre e ofrecer a mellor imaxe de Galicia aos visitantes, xunto coa posta en marcha de axudas a concellos e particulares para o embelecemento e a mellora paisaxística da contorna das rutas. Tamén se están a acondicionar os albergues da rede pública, e a ampliala para contar neste Xacobeo con 8 novas infraestruturas onde acoller aos peregrinos.
 
Só neste ano o Goberno galego investirá 85,8 millóns de euros destinados a garantir a seguridade de peregrinos e turistas e promover Galicia como un destino seguro cuns Camiños seguros con tódalas medidas anticovid, á promoción do Xacobeo co obxectivo de relanzar o sector turístico é á súa programación, que se está a adaptar á situación sanitaria derivada da covid-19.
 
O vicepresidente primeiro destacou que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos con tódalas garantías. Por iso, esta mesma semana se activou o seguro coronavirus, unha medida pioneira na que a Xunta investiu 1,4 millóns de euros para recuperar a confianza dos viaxeiros e ofrecerlles un plus de tranquilidade. Trátase dun seguro gratuito que permite cubrir os gastos sanitarios ante un posible caso de infección por covid-19 ou pola prolongación da estancia por corentena.
 
Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas. A Deputación da Coruña sumouse a esta iniciativa cunha aportación de 300.000 euros. Por iso, a Xunta agradece a súa implicación e a da Deputación de Ourense, que tamén colabora, por ver que esta medida é positiva para axudar a coller osíxeno aos negocios do sector turístico mediante o fomento do turismo interno. Co mesmo obxectivo, o Goberno galego reactivou o programa Elixe Galicia con estadías comercializadas polas axencias de viaxes para distintos colectivos. A Xunta prevé con ambas iniciativas inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudalo na súa recuperación.
 
Arriba