14 feb 2022

Rueda reclama ampliar as desgravacións ao Xacobeo para facer dos patrocinadores “embaixadores dos seus valores”

 O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, instou no Parlamento de Galicia a que o Goberno central deixe de discriminar o Xacobeo fronte a eventos doutras CCAA nos que a desgravación fiscal superou o período de celebración do mesmo

Rueda avanzou que o Executivo central ten “unha nova oportunidade” para dar o seu apoio a Galicia no proxecto de lei polo que se van modificar ás leis de impostos especiais, sobre o valor engadido e taxas consulares, en cuxas emendas se pedirá de novo a ampliación das desgravacións ao Xacobeo ata o 31 de decembro de 2023

A iniciativa permitiría impulsar máis o apoio da iniciativa privada, que xa comprometeu 21M€ á organización do evento, coa promoción da cultura xacobea

 
Alfonso Rueda, no Parlamento de Galicia.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou a necesidade de que o Goberno central amplíe ata finais do 2023 as desgravacións fiscais ao Xacobeo para facer dos seus patrocinadores “embaixadores dos seus valores” e promotores da cultura xacobea.

En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, Alfonso Rueda recordou que tanto o Goberno galego como o Parlamento de Galicia pediron en diferentes ocasións a ampliación das desgravacións fiscais ao Xacobeo ata finais do 2023 tendo en conta que o Ano Santo tamén se estendeu por decisión do Papa Francisco. De non prorrogarse, daríase o paradoxo de que as exencións fiscais rematasen antes que o propio evento, xa que deixarían de ter efecto o 30 de setembro deste ano.

O vicepresidente primeiro lamentou que nin as peticións ao respecto que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nin os acordos nese sentido adoptados no Parlamento de Galicia nin tampouco as reclamacións que el mesmo, como conselleiro de Turismo, trasladou en diferentes foros, tiveran efecto, malia que “o Xacobeo é un acontecemento extraordinario non só para Galicia, senón tamén para toda España”.

Rueda indicou, ademais, que esa petición de Galicia non é excepcional, xa que hai varios acontecementos celebrados noutras comunidades autónomas nos que as desgravacións fiscais superaron o tempo da propia celebración, e puxo exemplos como o Ano de Investigación Santiago Ramón y Cajal ou outras celebracións xubilares como o Ano Labaniego ou o Ano Caravaca de la Cruz, e mesmo algúns centrados en Cataluña como o 200 aniversario do Paseo de Gracia ou o Barcelona Music Lab.

O vicepresidente primeiro reiterou que o Xacobeo é o evento máis universal dos que se están a vivir en España e que o 2022 pode ser excepcional para todas as comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño, non só para Galicia. A Xunta dará a coñecer en breve a programación cultural para este ano, unha cita extraordinaria que podería ter unha maior implicación da iniciativa privada se o Goberno central ampliase as desgravacións fiscais en beneficio dos patrocinadores do Xacobeo. Rueda indicou que estas empresas, que xa inxectaron 21 millóns de euros no Xacobeo, poderían incrementar e mesmo planificar os seus patrocinios, e máis tendo en conta que Galicia entra nunha década xacobea na que a iniciativa privada podería “fidelizar” a súa aposta polo eventos para converterse en “embaixadores” dos valores e da cultura xacobea.

Rueda cre, con todo, que o Goberno central ten unha nova oportunidade de demostrar a súa aposta por Galicia coa tramitación do proxecto de lei polo que se van modificar as leis de impostos especiais, sobre o valor engadido e taxas consulares, en cuxas emendas se pedirá de novo a ampliación das desgravacións ao Xacobeo ata o 31 de decembro de 2023.

O vicepresidente primeiro lamentou tamén que desde o Executivo central se dera a coñecer o mapa de inversións xestionadas polas comunidades autónomas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionado con fondos europeos Next Generation, onde se di que a Galicia se lle adxudicaron para este ano 60 millóns de euros para políticas públicas de turismo, “e a día de hoxe aínda non se transferiu nin un só euro deses fondos”.

 
Arriba