19 xul 2022

A Xunta participa na saída da Travesía a nado #PoloDanoCerebral desde a praia do Preguntoiro en Vilanova

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacaron que esta travesía ten como finalidade incrementar o coñecemento e a visibilidade na sociedade do dano cerebral

 
Travesía a nado.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participaron  na saída da Travesía a Nado #PoloDanoCerebral, organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE).

“Temos claro que a través das accións que se están a desenvolver no marco deste proxecto, ademais de contribuír á consolidación do desenvolvemento sostible, social e dinámico das áreas polas que transita o Camiño, configúrase unha axenda social e cultural que toma en consideración aspectos vitais de promoción da saúde para concienciar e sensibilizar tanto á cidadanía galega como á poboación foránea que chega á nosa rexión para percorrer as rutas xacobeas”, indicou a directora de Turismo de Galicia.

Esta travesía ten como finalidade o incrementar do coñecemento social sobre o dano cerebral, focalizándose na prevención dos seus principais factores de risco e causas maioritarias, así como nos síntomas de alarma e pautas de actuación no caso de producirse unha delas, especialmente nas zonas de Galicia polas que transcorre o Camiño de Santiago.

Neste senso, Nava Castro destacou que mediante estas accións conséguese destacar a riqueza natural, cultural e humana do camiño en Galicia en xeral, visibilizando o patrimonio natural existente na costa galega e en todas as vilas onde se desenvolven accións, así como o patrimonio cultural incomparable que significa para Galicia e para o mundo o Camiño de Santiago de Compostela.

Vida saudable e integración

Pola súa banda, o director xeral de Persoas con Discapacidade, puxo en valor este tipo de iniciativas por permitir darlle eco á importancia de manter un estilo de vida saudable, ao tempo que se procura unha maior integración das persoas con dano cerebral.

Así mesmo, Fernando González Abeijón destacou que Fegadace leva máis dunha década axudando ás persoas con dano cerebral a conseguir unha vida autónoma a través dos seus centros en distintas localidades de Galicia. Así, a entidade procura sensibilizar á sociedade sobre a dimensión desta realidade, implicar ás institucións e apoiar todas as iniciativas dirixidas a resolver os retos da rehabilitación e inclusión destas persoas.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!