O Consello da Xunta aprobou incrementar en preto de 300.000 euros a axuda que este ano outorga a Xunta de Galicia ao conxunto catedralicio de Santiago de Compostela para seguridade e control de accesos tanto da Catedral compostelana como da Oficina de Atención ao Peregrino. O Goberno autonómico dá así resposta ao reforzo de persoal que tivo que facer o templo ante o incremento de peregrinos e visitantes e tras abrir o novo circuito de abrazo ao Apóstolo.
Así, aprobouse unha addenda ao convenio que se asinara este ano coa Fundación Catedral de Santiago e a S.A.M.I. Catedral de Santiago por 730.231 euros e ao que agora se suman outros 295.197€ euros máis que financiará Turismo de Galicia para sufragar os gastos extras de persoal (vixiantes e auxiliares) que tivo que facer o conxunto catedralicio este ano. Con este incremento a contía achegada pola Xunta para vixilancia e control de accesos elévase por tanto a 1.025.428 euros.
A sinatura da addenda susténtase no crecemento na afluencia de peregrinos e visitantes. De feito, a mes e medio de que acabase 2023, Galicia superou xa os rexistros do ano pasado e nestes momentos son xa máis de 440.000 os peregrinos que recolleron a Compostela.
Esta situación fixo necesario un reaxuste nos circuítos de entrada e saída da Catedral, o que supuxo a apertura das portas da Inmaculada, Abades e Praterías. Tamén se ampliou o horario de visita e se abriu o novo circuito do abrazo ao Apóstolo, circunstancias que fixeron necesario un incremento de persoal.
Con esta nova axuda económica sufrágase o reforzo no servizo continuo tanto de vixilancia de seguridade como en servizos auxiliares no control de accesos, no interior do templo para o culto, apertura de portas, entrega e recepción de chaves, atención aos sistemas de seguridade, entre outras, na Catedral e na Oficina de Atención ao Peregrino. Tamén para o control do Portico da Gloria e do circuito de visita á cripta e ao abrazo ao Apóstolo.
O Goberno autonómico continúa así a senda da colaboración institucional levada a cabo nos últimos anos para a mellora da atención aos peregrinos e visitantes que visitan Santiago de Compostela. Alíñase cos compromisos plasmados en distintas das liñas de acción do Plan Director dos Camiños de Santiago 22-27 que inciden en mellorar os servizos de atención ao peregrino.