02 set 2024

A Xunta licita por 1,2M€ o proxecto para crear un hub gastronómico de formación para o sector turístico no Centro Superior de Hostelería de Galicia

 A Xunta de Galicia vén de abrir o proceso de licitación para a posta en marcha do Galician Food Experience, o Hub gastronómico de formación dirixido ao sector que se creará no Centro Superior de Hostelería de Galicia, cun investimento de 1,2M€. A iniciativa é unha das accións previstas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enoastronomía de Galicia, deseñado polo goberno autonómico con fondos Next Generation.

 
Con este proxecto preténdese reforzar o papel formativo do Centro Superior de Hostelería de Galicia dirixido ao sector profesional cun novo centro nas súas instalacións.  Deste xeito, adecuarase o actual espazo do ximnasio, que se reconverterá nun espazo multiúsos e de cociña de demostración e innovación. No primeiro andar crearase un salón de actos cunha capacidade para máis de 100 persoas, que poderá converterse nun espazo de escenario con mesas para dar resposta a outras posibilidades.
 
Contarase cunha zona denominada cociña de innovación para realizar demostracións gastronómicas e tamén para servir de soporte para eventos formativos e de investigación. Instalarase un ascensor e na parte superior situaranse os aseos e un almacén de mobiliario. Ademais, realizaranse traballos de eficiencia enerxética neste edificio para conseguir un aforro enerxético maior ao 30%. Así, realizaranse traballos de illamento térmico, substitución de carpintería e luminarias, así como dotación dun sistema de climatización. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas rematará o vindeiro 20 de setembro.
 
O Plan Territorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia no que se insire esta medida é o segundo plan territorial deseñado pola Xunta de Galicia con fondos Next Generation e que conta cun investimento global de máis de 34M€. Inclúe a posta en marcha de medidas destinadas ao sector de todo o territorio como axudas ao embelecemento e adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria ou a potenciación da mobilidade sustentable, entre outras. Tamén inclúe a posta en marcha de 13 Plans de Sostibilidade Turística en Destino dos que se benefician un total de 80 concellos galegos. Enmárcase nos obxectivos e accións da Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, que está nas súas últimas fases para a súa presentación.
 
Arriba