22 ago 2024

A Xunta aposta por un modelo turístico de calidade e desestacionalizado que se apoie no termalismo como un dos seus piares diferenciais

O termalismo constitúe “un dos elementos máis atractivos, notables e singulares en termos de reclamo para a chegada de visitantes” a Galicia, “e, en especial para a provincia de Ourense”. E contribúe a facelo de xeito desestacionalizado, ao longo de todo ano, poñendo o acento nun modelo de turismo de benestar, cada vez máis demandado, que está a revolucionar moitos destinos fortalecéndoos en termos de calidade e que atrae a un crecente número de viaxeiros internacionais.

Así o puxo en valor Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, durante a presentación no Parque Náutico de Castrelo de Miño dos novos ecobarcos orientados a uso turístico que navegarán por diversos encoros ourensáns, nun acto no que participaron o presidente do organismo provincial, Luis Menor; o subdelegado do Goberno na provincia, Eladio Santos; o alcalde de Castrelo do Miño, Avelino Pazos, e ao que tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entre outras autoridades.

As novas embarcacións de propulsión eléctrica pura que se estrearon súmanse ás dúas das mesmas características presentadas a finais de 2022. Denominadas “xouvas” polas súas dimensións, permitirán aos visitantes “desfrutar dunha perspectiva a bordo dalgúns dos encoros máis representativos” da provincia de Ourense como o de Castrelo de Miño ou o de Frieira, aos que hai que engadir o das Conchas -no que opera xa unha embarcación destas características.

A súa posta en marcha deriva do PSTD “Ourense Termal” participado pola Deputación Provincial de Ourense, o Goberno Central e a Xunta de Galicia. “Un plan que permitiu poñer en marcha diversas accións destinadas a situar este territorio provincial como un referente en termalismo”, tal e como expuxo Xosé Merelles durante a súa participación no acto de presentación.

Unha aposta que se consolida

A promoción das infraestruturas e recursos termais de Galicia é, precisamente, unha prioridade para Turismo de Galicia. Coa creación de Área Termal de Ourense, integrada na nova oficina de turismo da Xunta na cidade das Burgas, recentemente inaugurada, esta aposta consolídase.

Neste sentido, tal e como lembrou Xosé Merelles, “os recursos e as infraestruturas termais galegas seguen a ser impulsadas” e promocionadas “no marco do Plan Territorial Vilas Termais e Cascos Históricos”, que a Xunta de Galicia está a executar ata 2026 e que promove o turismo termal e histórico-cultural sostible “na nosa comunidade” a través de actuacións, iniciativas e propostas concretas por un importe global de 23,2 millóns de euros.

“Favorecer o termalismo como elemento propulsor socioeconómico do territorio, sobre todo nas zonas rurais e nas vilas intermedias, coa creación de produtos específicos arredor del posibilitará que sigamos avanzando pola senda da calidade turística na nosa comunidade”, unha premisa que vertebrará a futura Estratexia Galega de Turismo 2024-2030, concluíu o director.

Termalismo en Galicia

No último informe de datos de ocupación hoteleira en turismo termal en Galicia, que abrangue o período comprendido entre xaneiro e maio, destaca o forte crecemento do segmento internacional que experimentou unha variación anual dun 16 % en termos de viaxeiros. Así, o número de turistas estranxeiros aloxados nos establecementos que conforman a oferta aloxativa termal galega situouse en 8.101 persoas, xerando un total de 17.7676 noites segundo o INE.

Arriba