22 feb 2025

A oferta turística galega no peto coas apps de Turismo de Galicia

As canles dixitais supoñen hoxe en día unha das principais vías de información e de resolución de dúbidas para os viaxeiros. Co obxectivo de facilitar esta práctica e de facilitar de xeito áxil unha experiencia personalizada, Turismo de Galicia desenvolveu varias aplicacións móbiles que permiten a quen visita a terra levar ‘Galicia no peto’.

Mediante estas apps pódese consultar información actualizada e detallada sobre a oferta turística de cada zona. Isto inclúe percorridos ou visitas de tipo cultural e natural, así como o acceso a recursos de aloxamento e restauración ou a outra información de servizo á hora de organizar unha viaxe, como pode ser a meteoroloxía. Asemade, Turismo de Galicia pon a disposición das persoas usuarias aplicacións máis concretas, centradas en propostas como poden ser o enoturismo, a observación de aves, o sendeirismo ou o turismo de saúde. 

A aplicación principal á hora de organizar unha visita á comunidade é a propia de Turismo de Galicia. A app facilita tanto a planificación previa como a xestión sobre o terreo. Conta con información sobre puntos de interese que visitar, con funcionalidade de geolocalización, coa que descubrir lugares que se atopen preto da persoa usuaria. Tamén inclúe propostas de aloxamento e gastronomía e apuntes sobre patrimonio cultural, como festas, artesanía, museos e sitios arqueolóxicos. 

Oferta turística específica

Entre as ferramentas enfocadas a un tipo concreto de oferta turística destacan a de Enoturismo en Galicia, Galicia Birding, Sendegal e Galicia Termal. Destinada a amantes do viño, na app de Enoturismo en Galicia explícanse os diferentes roteiros do viño en Galicia, adegas, eventos relacionados e puntos de interese nas zonas vitivinícolas. Galicia Birding céntrase no turismo ornitolóxico, con mapas interactivos e datos actualizados sobre a avifauna galega. Sendegal detalla as propostas de sendeirismo homologadas na rexión, con información topográfica, perfís altimétricos, descricións e puntos de interese de cada roteiro.  Por último, a aplicación Galicia Termal inclúe a oferta de balnearios, talasos e centros de spa da comunidade.

Desde a Xunta cóntase, ademais, coa aplicación Euro-rexión, centrada na promoción da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal como área de interese. Nela faise fincapé na información sobre roteiros transfronteirizos, eventos culturais, gastronomía e patrimonio compartido entre ambas as rexións. A aplicación de Parques de Galicia axuda a organizar as visitas aos espazos protexidos naturais da rexión mediante roteiros sendeiristas, flora e fauna, áreas recreativas e normas de uso. 

Ademais destas, a aplicación oficial do Camiño de Santiago en Galicia constitúe unha ferramenta fundamental para as persoas que opten por estas vías para visitar a terra. Contempla datos de rutas e etapas e permite crear notas.  

O abano de apps complétase cunha serie de instrumentos a través dos que coñecer aspectos básicos para unha experiencia óptima. A aplicación do Transporte Público de Galicia informa sobre as liñas dispoñibles, horarios, roteiros e paradas de autobuses e trens. Meteogalicia, da Axencia Galega de Meteoroloxía, achega previsións meteorolóxicas detalladas, alertas e datos en tempo real. Coa Axenda Cultural de Galicia pódese afondar na proposta de eventos musicais, teatrais, artísticos e doutra tipoloxía para poder planificar con tempo a asistencia.

Todas estas aplicacións pódense descargar na web www.turismo.gal.

 

 

 

Arriba