O Encontro Mundial de Humorismo na Coruña impulsa o turismo urbano e a desestacionalización do destino galego co apoio da Xunta
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor o impacto do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) dentro da oferta turística de Galicia en canto que “impulsa o turismo urbano, permite avanzar en desestacionalización e atrae turistas de orixe internacional que buscan asistir en directo a espectáculos singulares e de calidade”. Xosé Merelles participou na presentación do EMHU, que se celebrará do 24 de abril ao 4 de maio, e que conta co apoio de Turismo de Galicia para a organización.
A Xunta enmarca esta colaboración dentro da súa liña de actuación de apoio a espectáculos e propostas culturais que enriquecen a oferta turística urbana da cidade da Coruña como poden ser os concertos no marco do Gozo Festival, o Morriña Festival, entre outros.
O encontro chega á súa quinta edición consolidándose como o evento de referencia de humor nas artes escénicas. Durante as 11 xornadas que durará, haberá actuacións da relevancia de Ana Morgade, Henar Álvarez, Faemino y Cansado ou os galegos Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán ou Luis Piedrahita, quen ademais é o director artístico do festival. A un mes do seu inicio, vendéronse máis de 15.000 butacas e varias funcións esgotaron xa entradas.
Na rolda de prensa na que participou Xosé Merelles presentouse a programación paralela do EMHU, que conta con propostas dirixidas a todos os públicos e, na maior parte, gratuítas. Haberá, por exemplo, unha exposición ao aire libre sobre Forges, que se instalará no Cantón Grande durante o EMHU; unha mesa redonda científica do fenómeno da risa, ‘Anatomía del Humor’; ou a charla ‘Castelao na arte europea’, con Siro López e Olivia Rodríguez, entre outras.
Apoio estratéxico
“O apoio da Axencia ao EMHU entronca directamente con varias das liñas de traballo estratéxicas da Xunta”, explicou o director de Turismo de Galicia. A través do soporte aos eventos culturais, neste caso das artes escénicas, “búscase favorecer o turismo urbano ao incrementar o atractivo das grandes cidades da comunidade, como é o caso da Coruña, que contan con recursos estratéxicos, cunha oferta variada de aloxamento, restauración e medios de transporte”.
Xosé Merelles destacou como este tipo de eventos “favorece a proxección nacional e internacional de Galicia, ao traer á rexión figuras de referencia que contan cun alto nivel de seguimento polo público”. Ademais, ao celebrarse fóra da tempada alta, contribúe á desestacionalización da oferta turística. Estas constitúen algunhas das principais misións recollidas na Estratexia de Turismo de Galicia 2030.
Ademais, o turismo cultural ten un peso significativo no conxunto da demanda turística do destino galego. Segundo os datos da Enquisa de turismo de residentes do INE no segmento nacional para o ano 2023, o turismo cultural supón o 7% do total, o terceiro daquelas persoas que din vir a Galicia por vacacións/ocio. O gasto medio deste tipo de turista é de 103,4 euros diarios.