Rueda reivindica o impulso dun novo modelo de turismo máis sostible, internacional e dixital para gañar en competitividade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación do Plan de Accións de Promoción do Turismo de Galicia, que detalla as distintas actuacións a desenvolver en 2025 para potenciar o sector turístico galego e reforzar as accións xa en marcha.
Esta folla de ruta vense actualizando anualmente con éxito con novas actuacións, e neste caso pon énfase na proxección internacional, no impulso da sustentabilidade e a dixitalización e no reforzo da marca Galicia como destino de calidade. A este respecto, os 8 eixos que compoñen o novo calendario buscan mellorar o posicionamento de Galicia no mercado turístico global, avanzar na desestacionalización e diversificar a oferta con novos proxectos espallados ao longo do territorio.
O contido do Plan anual de 2025 inclúe máis de 130 accións, repartidas por máis de 30 mercados internacionais, e cun orzamento superior aos 13 millóns de euros. Cómpre salientar o traballo a realizar en mercados estratéxicos para Galicia: Europa (con presenza en Alemaña, Reino Unido, Italia, Portugal, Suíza ou Países Baixos), América (Estados Unidos, Arxentina, Colombia ou Panamá) e Asia (os mercados chinés e xaponés).
Entre as actuacións, cabe salientar a participación en 30 feiras especializadas nacionais e internacionais; a organización de máis de medio cento de famtrips e viaxes de prensa con xornalistas, influencers e axentes de viaxe de distintas partes do mundo; e accións especiais vencelladas ao Camiño de Santiago, incluíndo a colocación de novas mouteiras. Para este ano, está previsto que a chegada de mouteiras a Oviedo, Logroño, Torun (Polonia), Golub-Dobrzyn (Polonia), Luxemburgo, Reeding (Reino Unido), Monte Nebo (Xordania), Porto Alegre (Brasil) e Otawa (Canadá).
O presidente puxo o foco na necesidade de desenvolver accións que permitisen gañar en competitividade e singularizar o turismo en Galicia como unha experiencia única. “Contamos cos mellores medios posibles, dende a nosa paisaxe á nosa gastronomía, e agora debemos traballar para dar maior visibilidade a todos estes atractivos”, subliñou.
Récords de turismo
Igualmente, o titular do Goberno autonómico reivindicou os bos resultados turísticos acadados nos últimos anos polo sector, que Rueda definiu como “un dos principais motores económicos de Galicia, cunha enorme capacidade de xerar riqueza e emprego de calidade”.
En 2024, o noso territorio rexistrou 8,3 millóns de viaxeiros, 30% deles internacionais; máis de 13,6 millóns de noites, 115.000 máis que en 2023; 432 millóns de euros de ingresos para o sector, un incremento de 6,7% respecto do período anterior; e un aumento do 3,1% de emprego, gañando en estabilidade, calidade e redución da temporalidade.