05 mai 2025

A Xunta apoia unha nova edición de Estrelas no Camiño que incrementa o valor do destino coa presenza de chefs Michelin

O vindeiro 1 e 2 de xuño volve unha nova edición de Estrelas no Camiño de Santiago, un evento gastronómico solidario que nesta ocasión, a undécima edición, recadará fondos para dúas organizacións que traballan no campo da saúde mental: a Asociación saúde mental A Creba e a Fundación de persoas con discapacidade intelectual Barcala. Así o explicou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación onde salientou que a cita “contribúe a incrementar o valor de Galicia como terra de experiencias únicas” coa presenza de chefs de máis de 60 estrelas Michelin.

Xosé Merelles destacou como este proxecto “sintetiza dúas das liñas estratéxicas de traballo de Turismo de Galicia: a gastronomía e o Camiño de Santiago”. Ademais, aludiu á presenza na presentación de varios cociñeiros con Estrela Michelín de Galicia, como Pepe Vieira, Yayo Daporta ou Áxel Smyth, “unha mostra do bo facer de Galicia no eido gastronómico, que proba que a tradición da cociña galega non só soubo manterse, senón tamén actualizarse”.

O director de Turismo de Galicia referiuse ao importante peso que ten a gastronomía na proposta turística da comunidade. En concreto, a Estratexia de turismo 2030 considéraa un dos principais atractivos e factores diferenciais do destino, que complementa outros recursos como o patrimonio natural e cultural.

Ademais, Merelles lembrou o reforzo a este turismo que supón o Plan Territorial de Enogastronomía, o segundo dos plans territoriais impulsados pola Xunta de Galicia ao abeiro dos Fondos Next Generation da UE, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, para o que se destinaron 34,5M€. Este plan céntrase en tres dimensións clave: produto, proceso e cultura.

Internacionalización

En relación ao segundo dos elementos que toca o proxecto Estrelas no Camiño, Xosé Merelles destacou os bo datos das rutas xacobeas no que vai de 2025. Ata o 4 de maio, recolleron a súa Compostela 88.246 persoas, un 8% máis que no mesmo período de 2024. Destas, un 58% eran estranxeiras, o que confirma o papel do Camiño de Santiago como vector de internacionalización da demanda turística.

A edición número 11 de Estrelas no Camiño vivirá unha primeira xornada, o día 1 de xuño, na que os e as chefs participantes poderán gozar dunha experiencia inmersiva na ría de Muros-Noia, centrada no produto galego. O día 2 celebrarase a xa tradicional feira gastronómica da Finca Casa Barqueiro en Gonte, con showcookins, animación e música. Habilitarase unha mesa cero para que quen non poida asistir pero desexe colaborar poida achegar a súa doazón.

Arriba