13 mai 2025

Xosé Merelles pon en valor un turismo cada vez máis sostible, desestacionalizado e desconcentralizado que sexa tractor da economía galega

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na inauguración da xornada ‘Turismo en Galicia’, organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG). O evento configurouse como punto de encontro e análise sobre a situación do sector turístico, a súa achega á economía galega, os retos que involucra e como se reflicte nos distintos medios de comunicación. Especialistas de organizacións vinculadas co turismo e xornalistas de diversos medios interviñeron nos distintos paneis.  

Na súa intervención, Xosé Merelles abundou no peso e relevancia do sector dentro do conxunto da economía galega e apostou por un turismo cada vez “máis sostible, desestacionalizado e desconcentrado”. Segundo datos do INE, en 2024 o número de persoas aloxadas en establecementos turísticos da comunidade foi de máis de 8 millóns, mentres que o número de noites rexistradas superou os 13,63M. No mesmo período, os ingresos hoteleiros medraron nun 6,7%: 431,2 millóns de euros entraron a través do aloxamento. Merelles tamén destacou os datos de emprego, cun 3% máis de afiliacións á Seguridade Social, que rozaron as 86.000 afiliacións: a cifra máis elevada da serie histórica.

“Estes indicadores falan dun traballo coidadoso e planificado, que aposta polo crecemento ordenado, que beneficie a territorios máis aló dos tradicionais eixos turísticos da comunidade e que incremente as visitas fóra da tempada alta”, resaltou. Nesta liña, destacou outros dous máximos históricos en 2024, como son as noites en tempada media, onde se acadaron os 5,3M de noites e en internacionalización, cun 30% de demanda de orixe internacional. Merelles adiantou que, para 2025, Exceltur prevé un crecemento moderado do 1,7% da achega do sector turístico galego ao PIB.

Medidas para o futuro

De cara a acadar este obxectivo, desde a Axencia de Turismo de Galicia estase a traballar nun Plan de acción de promoción para este ano, dotado con 13M€, baixo o que se levarán a cabo 130 accións en máis de 30 mercados distintos, nacionais e internacionais.

Este Plan entronca coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que define as liñas mestras do traballo. “Desde Turismo de Galicia entendemos o noso traballo a favor dunha oferta diferenciada sempre desde unha óptica sostible e de respecto, tanto dos nosos recursos como da poboación local”, incidiu Merelles. A estes súmase o Plan Director do Camiño de Santiago, que está a marcar as pautas para lograr que o 2027 se converta en “o mellor Xacobeo deste século”.

O director de Turismo de Galicia referiuse ao papel esencial do foro e das persoas participantes ao poñer en valor o traballo xornalístico en relación ao turismo, “esencial na difusión dos recursos e valores da nosa terra, en dar a coñecer esta oferta auténtica que desde a Xunta estamos a potenciar”. 

Arriba