20 xuñ 2025

Turismo de Galicia remodela e humaniza a contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras en Mos para incrementar os recursos turísticos do concello

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a alcaldesa do concello de Mos, Nidia Arévalo, asinaron o convenio de colaboración para a remodelación da contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras, que data do ano 1788. Mediante este acordo realizaranse unha serie de actuacións, destinadas a acondicionar e humanizar este espazo e favorecer o seu uso pola veciñanza, coas que segundo salientou Xosé Merelles, “queremos incrementar os recursos turísticos deste concello”.

Para isto, procederase á pavimentación do ámbito e o replanteo de instalacións urbanas a través de unha plataforma única, sen limitar entre a zona de peóns e a zona de paso de vehículos para que as persoas viandantes poidan apropiarse da zona de tránsito motorizado, que deberá moderar a velocidade de circulación. Substituirase ademais a rede de alumeado público e soterraranse as redes eléctrica e telefónica. Adecuarase a rede de pluviais actual, ademais de acometer traballos de axardinamento, arborado e dotación de mobiliario urbano con bancos, papeleiras e contedores. Está previsto que as distintas actuacións mobilicen un orzamento de preto de 400.000 euros.

O director de Turismo de Galicia salientou ademais que “a través das actuacións porase en valor a igrexa de San Miguel e o castro das Pereiras, incluídos na contorna de protección de elementos do catálogo de Patrimonio Cultural”. Como destacou Xosé Merelles, o proxecto busca revalorizar o turismo do concello e da comunidade, así como “mellorar a calidade de vida da poboación e contribuír a humanizar o Camiño de Santiago de cara a celebración do Xacobeo 2027”.

O director da Axencia valorou a relevancia da iniciativa de cara aos seus obxectivos de “diversificar a actividade turística e poñer en valor espazos urbanos e rurais e de facilitar ao sector turístico un contexto favorable para a creación dun produto de alto valor engadido”. Na mesma liña, encadrou o proxecto no marco da Estratexia de Turismo 2030, ao vinculalo ao obxectivo de impulsar un turismo auténtico e sostible.

Datos turísticos

Mos encádrase no Xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño, que no ano 2024 rexistrou un comportamento moi positivo en termos de demanda turística. O número de noites achegouse ás 600.000, marcando récord histórico ao subir un 19%. Arredor de 350.000 persoas visitaron a zona, o que marca un ascenso do 31%.

Ademais, Mos está no percorrido do Camiño Portugués que este 2025 foi percorrido por case 37.800 peregrinos.

Esta colaboración enmárcase no traballo da Xunta por impulsar o rural galego desde o punto de vista turístico para a dinamización económica local. En concreto, neste xeodestino, a Xunta colabora habitualmente a través dunha colaboración anual co xeodestino, obras de mantemento de camiño Portugués e mantemento do albergue da rede pública de albergues. Ademais, Mos forma parte do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño “Despensa de Galicia”, dotado con 1,5M€.

Arriba