A Xunta impulsa un novo produto turístico de natureza na reserva Gêres Xurés no marco dun proxecto transfronteirizo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación do proxecto ‘Gêres Xurés Máis Sustentabel’. Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) e céntrase na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres-Xurés. Recoñecida pola UNESCO en 2009, constitúe o único espazo natural protexido de carácter transnacional da Eurorrexión España-Portugal.
O proxecto ‘Gêres Xurés Máis Sustentabel’ quere afondar no potencial turístico da zona, cun plan a tres anos que se está a desenvolver desde 2023 e rematará no 2026. A Xunta ten previsto executar as primeiras accións ao longo de 2025, completando os traballos o vindeiro ano.
Entre as actuacións previstas está o desenvolvemento dun produto turístico de natureza da gran Ruta da Reserva da Biosfera, para o que se fará un traballo de campo previo, con catalogación e inventario de recursos. Establecerase unha bolsa de emprendemento na Reserva, realizando unha consultoría para áreas de inversión e apoio técnico a candidaturas, de tal modo que se favorece un ecosistema turístico máis capacitado, máis consciente e máis amigo do ambiente. Ademais, crearanse materiais promocionais transfronteirizos, un mapa e unha guía turística da zona. O importe total do proxecto aprobado ascende a 1,35M€, dos que a Xunta contribuirá con case 400.000€.
O director de Turismo de Galicia celebrou como o proxecto “apunta a converter, por tanto, de forma sostible, a Reserva nun motor económico capaz de conservar o seu patrimonio cultural, histórico e antropolóxico”. Xosé Merelles puxo en valor “a importancia que o mercado portugués ten para nós”, destacándoo como o máis importante país emisor de turismo para Galicia. En 2024, cerca do 5% do total de 13,6M de noites rexistradas na comunidade viu desde Portugal, o que supón arredor de 650.000 noites. A tendencia mantense no primeiro semestre de 2025, con Portugal como o principal mercado emisor a nivel internacional con algo máis de 128.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 15%.
Continuidade
A iniciativa xorde coa vontade de dar continuidade aos traballos realizados nunha etapa anterior, organizada baixo a clave ‘Gêres Xurés Dinámico’. Esta primeira fase desenvolveuse entre os anos 2016 e 2019 e centrouse en fortalecer a entidade e a identidade da Reserva a través de medidas como a posta en marcha de obradoiros de capacitación, a implementación de sistemas de control de visitantes e de puntos de información virtual; así como doutras accións, como a promoción de produto turístico baseado no patrimonio (megalitismo).
Xosé Merelles celebrou a participación da Xunta e, especificamente, da Axencia, no proxecto, que cualificou de “estratéxico”. “Como todos os POCTEP nos que vimos participando nos últimos anos, este proxecto está sendo clave para reforzar sinerxías entre ambos territorios e posibilitar tamén seguir afondando nun modelo turístico sustentable e diversificado, con atractivos en distintos lugares do noso territorio”, salientou.