04 feb 2013

ÉXITO NA PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA NA FEIRA INTERNACIONAL DO TURISMO DE MADRID

A Comunidade galega pechou a súa presenza neste certame turístico coa promoción integral do destino cunha afluencia que se achega aos 70.000 visitantes e cun balance de 23 presentacións dos diferentes destinos, produtos e recursos turísticos galegos.

Os 25 informadores turísticos que atenderon o stand institucional de Galicia na feira distribuíron un total de 120.000 folletos e outro material de promoción de 284 clases distintas distribuídos en seis mostradores referidos as 14 xeodestinos da costa e do interior, as sete cidades de Galicia, Xacobeo-Camiño de Santiago, e Galicia en xeral.

 

Stand de Galicia en FITUR 2013

A secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro acompañada da xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, compareceron  en rolda de prensa para facer públicas as cifras de balance da participación de Galicia na 33 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid.

Nava Castro explicou que Turismo de Galicia pechou a súa participación na Feira Internacional do Turismo de Madrid- FITUR 2012 con éxito para a promoción turística de Galicia, logo de que ao longo dos últimos cinco días o stand institucional galego se convertese no espazo integral para a difusión dos valores, produtos e servizos turísticos galegos baixo o paraugas da marca turística Galicia, gárdasme o segredo? e o mapa de xeodestinos turísticos galegos; así como o Camiño de Santiago e as Cidades de Galicia

Segundo o balance provisional feito público pola propia feira, unhas 200.000 persoas pasaron pola Feira Internacional de Turismo de Madrid entre os días 31 de xaneiro e 3 febreiro. En total, 167 países e rexións participaron nesta 33 edición do certame. Segundo explicou a secretaria xeral, entre 60 e 70 mil persoas pasaron neses días polo stand institucional do Turismo galego en Fitur. Segundo dixo, “se temos en conta a actividade que se desenvolveu no stand Galego, que por primeira vez aglutinou nun mesmo espazo a todas as entidades turísticas de promoción de Galicia, podemos comentar que se desenvolveron 23 presentacións nas que participaron máis de 2.000 profesionais do Turismo”.

O stand de Galicia en FITUR 2013 tamén foi o punto de encontro entre os profesionais do Turismo galego e os operadores nacionais e internacionais. Máis de 500 profesionais puideron manter arredor de 3.000 xuntanzas de traballo cos operadores turísticos cos que se citaron.

Ademais de Turismo de Galicia, no recinto de promoción do turismo galego en FITUR 2013 estiveron representados todos os entes de promoción locais e provincias da Comunidade galega. Polo recinto de degustación de produtos gastronómicos galegos no stand da Comunidade galega servíronse 700 quilogramos de produtos galegos. Por este recinto pasaron arredor de 4.500 persoas ao longo dos días de feira. Este servizo estivo atendido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Os 25 informadores turísticos que atenderon o stand institucional de Galicia na feira distribuíron un total de 120.000 folletos e outro material de promoción de 284 clases distintas distribuídos en seis mostradores referidos as 14 xeodestinos da costa e do interior, as sete cidades de Galicia, Xacobeo-Camiño de Santiago, e Galicia en xeral.

No concurso deseñado por Turgalicia para a promoción dos produtos cabeceira da marca turística Galicia, gárdasme o segredo? e as experiencias que penden destes, participaron 4.000 persoas. Este concurso, no que os participantes podían gañar varias experiencias turísticas consistía en averiguar no menor tempo posible os lugares que aparecían nunha pantalla de ordenador dentro dos produtos cabeceira da marca turística de Galicia.

Como novidade, este ano, Turismo de Galicia presentou un mostrador para a comercialización do Turismo galego a través das experiencias turísticas que parten dos produtos cabeceira da marca do Turismo galego. Así, presentáronse 5 folletos das experiencias de cinco produtos distintos –Santuarios máxicos, Faros e praias salvaxes, Bosques de Galicia e Lugares únicos- acompañados das súas correspondentes tarifas de prezos, así como os folletos dos produtos turismo mariñeiro, Ruta da camelia e Paseando entre viñedos (rutas de viños). Deste material de promoción, os profesionais e o público final retiraron 9.000 exemplares, o que se traducirá non incremento das reservas off line a través da Internet dos paquetes turísticos experienciais.

Calcúlase que polo stand de Galicia en Fitur 2013 puideron pasar arredor de 200 medios de comunicación de Galicia resto de España e internacionais, interesados pola oferta turística galega e relacionados coa prensa escrita, a radio a televisión e a Internet.

No stand de Turismo de Galicia distribuíronse folletos, pósters e outro material de promoción da artesanía galega entre os profesionais turísticos e o público xeral. Ademais, o sábado e o domingo, os músicos da AGADIC Suso Vaamonde e Xosé Luis Romero amenizaron o stand galego con música tradicional galega de gaita e zanfona.

Ademais, celebráronse nestes días outras actividades de promoción turística como xuntanzas con operadores turísticos internacionais. Os técnicos de Turismo de Galicia participaron nas xuntanzas de traballo organizadas por FITUR para comercializar a oferta turística galega. Houbo xuntanzas con máis de 20 operadores turísticos seleccionados polo propio Turismo de Galicia e convidados pola organización de FITUR. Os operadores turísticos cos que se contactou son de Rusia, Arxentina, México, Xapón, Estados Unidos de América, Suecia e Brasil, dentro dos Workshops Hosted buyers e Investor Américas, para operadores internacionais e americanos, respectivamente. Tamén se desenvolveron xuntanzas institucionais. Para mellorar a coordinación e abordar o plan de promoción do Turismo do Estado español en 2013, Técnicos de Turismo de Galicia mantiveron xuntanzas cos directores das oficinas de Turismo de España en Londres, París, Dusseldorf, Oslo, Milán, Viena, Bos Aires e Pequín, entre outras.

 

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba