14 feb 2015

Turismo de Galicia organiza un blog trip para promover os entroidos da Comunidade galega

Entre o pasado sábado e o hoxe martes, un grupo de nove blogueiros, fotógrafos e xornalistas especializados en Turismo percorrerán os escenarios do Entroido galego.

Visitarán as provincias de Ourense e Pontevedra para participar nos principais eventos dos entroidos de Galicia.

Un grupo de nove blogueiros, fotógrafos e xornalistas especializados en información turística comezaron o pasado sábado unha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia co obxectivo de promover o Entroido galego, especialmente aqueles declarados de interese turístico.

Nesta viaxe, que se estenderá ata a tarde de hoxe, os blogueiros e os profesionais da información turística poderán coñecer os entroidos da Comunidade galega e participar nos principais eventos que terán lugar estes días, especialmente nos relacionados con aqueles declarados de interese turístico.

Esta actividade pecha o programa previsto por Turismo de Galicia para promover o Entroido 2015, logo de que o pasado día 24 de xaneiro celebrase un desfile dos entroidos de interese turístico de Galicia na cidade de Santiago de Compostela e desenvolvese unha acción de difusión masiva a través do encarte dun folleto en todos os xornais de Galicia o pasado domingo.

Nove blogueiros, fotógrafos e xornalistas especializados
Polo que respecta á participación no blog trip organizado por Turismo de Galicia disfrutarán desta viaxe a redactora e un fotógrafo do blog especializado en viaxes A World to travel, a redactora e o fotógrafo do blog Vivir Galicia, o redactor e a fotógrafa do blog de viaxes Macbeth, e os redactores dos blogs Cocido Day e Máis grelos.

Ademais, participarán tamén o director da publicación turística online Expresso e o xornalista free lance Javier Mazorra, colaborador, entre outros medios de comunicación, na emisora Onda Cero, no programa Gente Viajera.

Un recorrido polos principais entroidos de Galicia
O programa da viaxe comezou en Ourense, onde os participantes puideron coñecer os principais recursos termais da cidade, ademais dun dos entroidos urbanos con maior participación.

O domingo, os blogueiros e profesionais da comunicación que participan nesta viaxe de promoción organizada por Turismo de Galicia estiveron no desfile de Entroido da vila de Verín e logo trasladáronse ata Viana do Bolo para participar na Festa da Androlla e coñecer así os personaxes e o ambiente entroideiro deste concello ourensán.

O luns estiveron no Entroido de Laza, onde participaron nos actos do Luns borralleiro. Este día visitarán tamén un taller artesanal no que realizan as carautas de cigarrón, en Verín, así como unha adega da Denominación de Orixe Monterrei.

Por último, hoxe, os participantes no blog trip achegaranse ata o concello pontevedrés de Vilaboa para participar no Entroido de Cobres.

Arriba