10 mai 2024

Xosé Merelles pon en valor os 12M€ que a Xunta destina este ano a distintas accións de promoción do destino nos mercados nacionais e internacionais

Xosé Merelles co grupo de xornalistas de Lonely Planet

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu hoxe no porto de Corme un grupo de xornalistas de Lonely Planet, o grupo editorial líder en viaxes de aventura e sustentable, que durante estes días está a coñecer a Comunidade galega como parte das accións de promoción turística internacional do destino levadas a cabo por parte da Xunta de Galicia.

 

Xosé Merelles puxo de manifesto a importancia que a promoción do destino está a ter á hora de fortalecer e reforzar a chegada repartida de turistas durante todo o ano e de distintos perfís e mercados. Referiuse, en concreto, aos preto de 12M€ que a Xunta de Galicia destina este ano a distintas accións promocionais para os mercados nacionais e internacionais, entre presencias en feiras, workshops, cursos de capacitación ou viaxes de familiarización, a participación en proxectos europeos do eido turístico, e de xestión de imaxe e marca, entre outras moitas. 

 

O director de Turismo de Galicia puxo de manifesto, ademais, a importancia que a internacionalización está a ter na folla de ruta do turismo do Goberno autonómico. De feito, como dixo, será un dos pilares da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 que a Xunta está a ultimar “polo seu carácter estratéxico á hora de afondar na rendibilidade do sector e tamén para diversificar e desestacionalizar o destino”.

 

Tamén salientou a importancia do turismo estranxeiro nos últimos meses, tanto no Camiño de Santiago, onde os peregrinos estranxeiros son, no que levamos de ano, preto do 60%, como no resto da actividade turística, onde o turismo estranxeiro está a medrar a un ritmo do 15% neste primeiro trimestre de 2024.

 

Norteamérica, Australia e Europa

A acción na que participa estes días o grupo Lonely Planet forma parte de Discover Spain by Lonely Planet, a iniciativa que aposta por amosar novos lugares para o turismo internacional da man deste grupo editorial en sete comunidades autónomas entre as que se atopa Galicia. No seu percorrido na nosa Comunidade visitaron varias localizacións de Santiago de Compostela, Ferrolterra e Costa da Morte, entre outras.

 

Este proxecto lévase a cabo en colaboración con Turespaña é, segundo indica o seu director xeral, Miguel Sanz, é “unha iniciativa de enorme envergadura cunha rodaxe extremadamente coidada que percorre gran parte da xeografía española durante un mes para a que destinamos maís de 1 millón de euros na producción e difusión.  Difundirase en Norteamérica, Australia e Europa e, como engade o director de Turespaña, “estamos convencidos de que este tipo de proxectos son o camiño para seguir na promoción de España como destino turístico auténtico e sustentable”.

 
Arriba