17 mar 2026

A Xunta colaborará na captación de novas rutas a través da promoción turística en orixe en coordinación con AENA

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou que a Xunta colaborará co resto de institucións e con AENA na captación de novas rutas a través da promoción turística en orixe. Así o indicou esta mañá, tras participar na segunda reunión do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia, xunto ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela. “Damos un paso importante para colaborar entre todas as administracións, cunha proposta coordinada e máis atractiva que permita conseguir novas rutas coas que contribuír a manter o ritmo de crecemento de visitantes”.

Calvo remarcou que a Xunta non vai financiar voos, senón que colaborará, no marco da  busca dun modelo de coordinación na que se impliquen todas as administracións -concellos e deputacións provinciais-, na promoción turística de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña en orixe. Así, habilitarase unha bolsa destinada á captar novas rutas nos tres aeroportos, coa mesma contía para cada terminal e cada nova ruta. O apoio da Xunta sumaríase ás contías que decidan mobilizar os concellos ou a propia AENA.

O conselleiro explicou que con esta medida se pretende que unha vez que se consiga unha nova ruta, esta sexa rendible a longo prazo na liña que a Xunta xa vén traballando desde hai anos na promoción en orixe. Nesta liña, o Goberno galego mantén un importante investimento anual de 13 millóns de euros “para facer máis atractivo o noso territorio e incentivar que cada vez nos visiten máis persoas”.

A Xunta poderá realizar esta promoción directamente e tamén abrirá a posibilidade de asinar convenios cos concellos para que sexan estes os que leven a cabo esas actuacións, sempre e cando se destinen a promoción en orixe.

 

Arriba