11 xul 2016

Feijóo reivindica o termalismo como unha aposta económica e social, e lembra que xa están executadas o 40% das actuacións contidas no Plan Ourense Provincia Termal

Salienta que a nosa Comunidade é toda unha potencia nun sector, o do termalismo, que ten a capacidade de xerar 1.400 postos de traballo e un retorno económico de arredor de 60 millóns de euros ao ano

Destaca a función social e ambiental que desempeña esta actividade termal nas denominadas “vilas termais”

 

Reivindica a importancia de traballar para que as seleccións deportivas se preparen nos balnearios galegos. “É unha liña de atracción económica moi importante para o sector”

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou durante á reunión do Consello Termal Ourensán, o valor económico e social do termalismo, e lembrou que xa están executadas ou completadas 31 das 71 actuacións previstas no Plan Ourense Provincia Termal, máis do 40% do total.

A este respecto, sinalou que a xuntanza de traballo do Consello Termal que tivo lugar hoxe constitúe un paso máis na consolidación dun sector polo que o Goberno galego vén apostando desde o 2014, e que se materializa no dito plan.

Neste senso, indicou que o Plan Ourense Provincia Termal está dotado cun investimento autonómico de case 6 millóns de euros, dos que a maior parte foron dedicados a crear novas infraestruturas ou a mellorar as xa existentes. Así, o mandatario galego citou como exemplo, a mellora do acceso ao balneario de Lobios e o acondicionamento da ruta do río Caldo, a liña de axudas Q de Calidade Turística, a viñoterapia en Leiro, o balneario de Cortegada, a piscina flotante termal de Laias, o programa “Benestar en Balnearios” ou a ruta da Auga en Verín. “Grazas ao plan estamos dando os pasos necesarios para que Ourense se consolide nesta década como provincia termal de España”, insistiu.

“A nosa aposta polo termalismo ten máis de pragmático que de romántico”, aseverou, ao tempo que reivindicou a función social e ambiental que desempeña esta actividade nas sinalizadas como “vilas termais”. Ademais, subliñou a importancia de traballar para que as seleccións deportivas se preparen nos balnearios galegos. “É unha liña de atracción económica moi importante para o sector e a provincia ourensá está dando pasos para consolidarse neste ámbito”, dixo.

Deste xeito, lembrou que a nosa Comunidade é toda unha potencia nun sector, o do termalismo, que ten a capacidade de xerar 1.400 postos de traballo e un retorno económico de arredor de 60 millóns de euros ao ano. “Con máis dunha vintena de balnearios, Galicia é a primeira comunidade de España en cantidade, pero tamén en calidade”, engadiu.

O responsable autonómico fixo tamén referencia durante a súa intervención aos distintos proxectos e iniciativas que puideron ser desenvolvidos na cidade e no seu entorno grazas ao gran consenso institucional acadado. Entre eles, destacou a creación do Campus Auga e a posta en marcha do Club do Produto Turístico da Auga de Galicia.

E, por último, amosouse convencido de que, a través destas iniciativas e coa colaboración e cooperación institucional entre as diferentes administracións, faremos da provincia de Ourense e de Galicia unha terra máis “próspera e saudable”. 

Arriba