27 mai 2019

Nava Castro salienta en Vigo a consolidación de Galicia como destino turístico enogastronómico

 A directora de Turismo participou na apertura do evento culinario Mahou Urban Food Festival que se celebrou no Auditorio Mar de Vigo

Nava Castro, na presentación do acontecemento gastronómico.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na apertura do evento gastronómico Mahou Urban Food Festival onde salientou os avances de Galicia como destino turístico enogastronómico grazas ao decisivo traballo dos profesionais da cociña galega, referentes en calidade.

Durante o acto, Nava Castro puxo de manifesto o labor levado a cabo desde o sector que suma xa 11 restaurantes Estrela Michelín e 60 teñen acreditada a súa excelencia culinaria co selo Q de Calidade Turística que así o certifica. Amais, felicitou aos participantes deste evento gastronómico por facer partícipes da nosa cultura culinaria aos propios galegos e aos visitantes contribuíndo así á consolidación de Galicia como destino.

Como lembrou, a enogastronomía se sitúa cada vez máis como un dos principais motivos polos que viaxan os cidadáns. En concreto, sinalou que no caso de Galicia é a segunda razón pola que os turistas deciden visitar a Comunidade. Todos estes aspectos son tidos moi en conta na estratexia de turismo enogastronómico Galicia Sabe, na que ten cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional.

Afóndase, igualmente, na relación entre a cociña e os centros de investigación e innovación vinculados coa gastronomía, así como as receitas relacionadas con determinadas tradicións, épocas e zonas xeográficas. Nava Castro tamén puxo de manifesto a importancia da cultura do tapeo en Galicia, da que se dará mostra no evento presentado hoxe. Ata o vindeiro domingo a gastronomía mesturarase coa música e cos obradoiros de varios cociñeiros con Estrella Michelín como Lucía Freitas, Luis Veira e Rafa Centeno e Inés Abril.

 
Arriba