Ribeira Sacra e Canón do Sil

Percorre en catamarán os impresionantes Canóns do Sil e do Miño, intérnate noutro mundo. Paraxes impoñentes con fermosos mosteiros que durante séculos, afastados do mundanal ruído e ao amparo do clima benigno destas terras, dedicaron o seu tempo e a súa sabedoría a honrar a Deus e aos homes estudando os segredos da vide.

Falamos de deuses, de homes, de viños... Falamos do encontro das beiras do Sil e do Miño, de canóns de 500 m de profundidade, de diminutos viñedos en escarpadas ladeiras que requiren un esforzo heroico. Algo único que só podes ver aquí.

É esta a Ribeira Sacra, o berce do lendario “Amandi”, un viño tan apreciado polos romanos que o consideraban o verdadeiro “ouro do Sil”. Un viño que séculos máis tarde os monxes beneditinos elaborarían en exclusiva para as adegas dos máis refinados papas.

Cultura interior

A erosión fluvial do Sil labrou sen pausa a profunda fenda que o conduce ata desembocar na esquerda do Miño. Na súas paredes imposibles buscaron refuxio monxes e eremitas que coa mesma paciencia secular as poboaron de mosteiros. Ata unha ducia de cenobios, románicos e beneditinos a maioría, que lle deron o nome xa documentado desde a Idade Media de Rivoyra Sacrata.

Aínda que se trate dun dos mellores espazos naturais definidos polos dous grandes ríos, ninguén sabe onde comeza e remata exactamente a Ribeira Sacra. Poida que os seus límites verdadeiros veñan dados pola presenza das vides nas ladeiras de solaina. De aquí saían os viños de Amandi que acadaron sona de exquisitos xa en tempos do Imperio romano, e hoxe contan cunha Denominación de Orixe que os ampara.

De aquí saían os viños de Amandi que acadaron sona de exquisitos xa en tempos do Imperio romano

Os mosteiros foron exclaustrados e as augas remansadas en sucesivos encoros, pero a forza da paisaxe segue latexando en cada colleita dos seus froitos. Admira a difícil vendima nas fortes pendentes só cultivables en socalcos, na mellor mostra de paisaxe humanizada sen présa.

A natureza máis agreste atopa o seu sitio nos afloramentos graníticos revestidos de matogueiras e bosques de castiñeiros e carballos. As peculiares condicións climáticas das zonas máis resgardadas favorecen a presenza de especies mediterráneas como as sobreiras e os érbedos. Os rochedos altos das gargantas téñense citado en ocasións como un dos últimos refuxios das aves rapaces máis ameazadas. 

Sen perda

Os Peares é o punto preciso onde se xuntan os dous grandes ríos do noroeste. Segundo o dito popular, o Sil leva a auga e o Miño, a fama. Augas arriba, os dous por separado, formaron profundos canóns que no caso do Sil acadan o punto máximo nos 500 metros de profundidade. A estrada de servizo ás presas hidroeléctricas que parte dos Peares introdúcenos nesta paisaxe cunha abraiante sensación de aventura.

Unha das formas máis espectaculares de coñecer a Ribeira Sacra é pola auga. Os dous cursos fluviais son navegables en catamarán. O Sil desde os embarcadoiros ourensáns de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín) e Abeleda (Castro Caldelas). O Miño desde a localidade luguesa de Belesar (O Saviñao). Os itinerarios turísticos teñen o seu percorrido polo corazón mesmo da paisaxe.

Os mosteiros máis apegados ao fluír do Sil son os de Santo Estevo de Ribas de Sil e o de Santa Cristina. Ao primeiro, convertido en establecemento hoteleiro, accédese desde a localidade de Luíntra (Nogueira de Ramuín) ou, se queremos alongar o camiño, polo mosteiro de San Pedro de Rocas (desvío na OU-536 en Tarreirigo, Esgos). O centro de interpretación do cenobio de Rocas, considerado o primeiro de Galicia, dálle valor engadido á visita. Ao de Santa Cristina, desde Parada de Sil por unha estrada de ida e volta. A baixada ata este mosteiro realízase entre a espesura de árbores centenarias. Tamén desde Parada de Sil, unha breve pista de terra conduce ata o denominado Balcóns de Madrid. Trátase dun miradoiro de vertixe sobre o abismo, e na outra beira do río veremos o santuario de Cadeiras (Sober) e a chaira de Monforte como horizonte. Non faltarán no camiño outros miradoiros, como a andamiaxe entre Vilouxe e Caxide onde o canón acada a súa máxima altitude.

Desde O Castro de Caldelas, cuxo castelo permite outear previamente a paisaxe, parte unha estrada que curva a curva se perde polos segredos da Ribeira Sacra.

O canón do Miño é de pendentes máis suaves, pero obriga ao río a dobrarse en maxistrais revoltas. Provocan un espectacular cambio de dirección, por exemplo, no lugar da Cova (O Saviñao), ás veces denominado como o Cabo do Mundo.

As abas orientadas ao sur embelécense de viñedos nun longo abrazo co río. A estrada local pola beira esquerda do río desde a aldea de Belesar é merecente de paseniño percorrido, principalmente en tempos de vendima e a posterior explosión colorida do outono.

Neste sector case todos os mosteiros están situados na marxe esquerda. As mellores posibilidades de acceso sitúanse desde Chantada e Monforte de Lemos. Igrexas como a da Cova, San Miguel de Eiré, San Fiz de Cangas; ou o convento de San Salvador na capital municipal de Pantón, Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi fan da Ribeira Sacra do Miño unha auténtica ruta do románico.

Natureza senlleira

Sorprendentes paisaxes de socalcos para o cultivo da vides. As condicións climáticas permiten que especies tipicamente mediterráneas atopen aquí refuxio. Por exemplo, as sobreiras e os érbedos que acompañan ás manchas boscosas autóctonas de carballos e castiñeiros.

As aves rapaces como a aguia real e o falcón peregrino tamén atopa os seu hábitat nos rochedos de máis difícil acceso do canón.

Datos de interese

Situación
En sentido amplo, a Ribeira Sacra comprende territorios dos concellos de Castro Caldelas, Montederramo, A Teixeira, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín e A Peroxa na provincia de Ourense; e os de Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón e Ribas de Sil na provincia de Lugo. O canón do Sil abrangue os últimos 25 km do río anteriores á súa desembocadura no Miño, na localidade dos Peares.

Superficie
5.914 ha.

Acceso
Varios desvíos ao canón do Sil polo sur desde a OU-536 A Rúa-Ourense. Estrada local desde Castro Caldelas ata Luíntra por Parada de Sil. Acceso a varios puntos do Sil e do Miño desde Os Peares, entre Ourense e Monforte de Lemos. Para o canón do Miño, desde Chantada ou desde Monforte de Lemos comunicadas entre elas polo CRG-2.1.

Servizos

  • Aloxamento: Si
  • Comer: Si
Arriba
Axúdanos a mellorar!