Plan de Turismo Termal

Galicia conta cun patrimonio natural e cultural que a fan única. Entre os seus múltiples recursos endóxenos, un deles destaca notablemente pola súa abundancia, calidade e singularidade, e que constitúe unha vantaxe diferenciadora e competitiva respecto a outros destinos tanto a nivel nacional como internacional: as súas augas termais.

Cunhas 300 captacións de augas termais dispersas por todo o territorio galego, con 21 balnearios con máis de 3.000 prazas hoteleiras, con múltiples mananciais, pozas e casas de baños, Galicia conta cunha oferta de turismo termal potente e con grande potencial de consolidación.

Galicia é a comunidade líder no conxunto do Estado en canto á oferta minero-medicinal, con máis do 20% dos establecementos balnearios e tamén é a comunidade con maior número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade do Estado.

O turismo termal en Galicia é un dos produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público, de gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada con outros produtos ou servizos relacionados co patrimonio cultural, natural, enogastronómico, deportivo, etc.

O Plan de Turismo Termal para os anos 2014-2020 persegue un gran obxectivo central e tres obxectivos específicos:

- Obxectivo central: Poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos de tal xeito que conduzan á creación do destino Ourense, Provincia Termal.

- Obxectivos específicos:

  •  Obxectivo 1. Poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, coa sustentabilidade como criterio clave para acadar unha mellor calidade de vida, a recuperación e preservación dos recursos naturais, e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico
  • Obxectivo 2. Articular os recursos, servizos e oferta termais como Produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores.
  • Obxectivo 3. Posicionar Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal.

No Plan establécense cinco liñas estratéxicas:

L.E.1: Planificación Termal: Lexislación, planificación, e xestión integrada que acolla a todos os axentes e ordene a cooperación publico privada.

L.E.2: Infraestruturas Termais: Mellora, diversificación e creación de infraestruturas termais que caractericen ao destino, adaptadas aos seus entornos e contemplando as súas accesibilidades.

L.E.3: Produtos Termais: Deseño e integración de produtos turísticos de base termal que engloben todos os potenciais recursos ourensáns, enfocados aos diversos segmentos da demanda.

L.E.4: Coñecemento Termal: Cultura, investigación e desenvolvemento termal.

L.E.5: Promoción Termal: Marca, imaxe, comercialización, e participación en redes.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba