20 dec 2017

O turismo náutico e mariñeiro, o termalismo e a travesía náutica xacobea únense baixo a nova marca ‘Club da Auga de Galicia’

 Reúne propostas como a Ruta dos Faros de Galicia, a Ruta do Miño de Parador en Parador, experiencias nos balnearios ou a Travesía Náutica Xacobea

 
Impulsada por Turismo de Galicia, é froito da colaboración entre administracións e profesionais do sector na que se basea a Estratexia do turismo de Galicia 2020
 
Como explicou Nava Castro, a nova marca nace para impulsar propostas sustentables e planificadas que contribúan a atraer visitantes todo o ano
Presentación do Club da auga enVigo.

 Ao abeiro desta nova iniciativa inclúense produtos como a Ruta dos Faros de Galicia, a Ruta do Miño de Parador en Parador, a oferta dos balnearios galegos ou a Travesía Náutica Xacobea. Impulsada por Turismo de Galicia, xorde froito da colaboración cos profesionais do sector. Unha colaboración na que se basea o modelo turístico galego e que é tamén a esencia da Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento elaborado co sector e que acompaña o crecemento ordenado e planificado que está a vivir Galicia.

Durante a presentación, Nava Castro salientou a relevancia desta nova proposta turística referíndose a ela como “bo exemplo” dos froitos que está a dar a “importante e necesaria” colaboración público-privada da man de iniciativas que permitan que os visitantes e todos os galegos poidan desfrutar de todo aquelo que fai diferente a Comunidade galega como destino. “Sabemos que consolidar esta colaboración con todo o sector garantirá un futuro próspero para Galicia e nesa liña traballamos”, explicou.

Recursos propios

O Club da Auga de Galicia inclúe a posibilidade de percorrer a costa galega de faro en faro compartindo momentos cos profesionais do mar coa Ruta dos Faros de Galicia xurdida a iniciativa dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro, os GALP. Froito da colaboración con Paradores de Turismo, inclúese a Ruta do Miño de Parador en Parador que afonda no coñecemento do interior galego ás beiras deste río, combinándoo con estancias en seis dos oito establecementos hoteleiros que Paradores ten en Galicia. Esta ruta fai posible coñecer os recursos de Baiona, Monforte de Lemos, Ribadeo, Santo Estevo, Tui ou Vilalba.

Baixo esta nova marca, tamén se ofrece a posibilidade de peregrinar a Santiago de Compostela en barco de vela seguindo a Travesía Náutica Xacobea. Poderase rememorar así as rutas históricas de peregrinación por mar grazas ao impulso da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia. Tamén inclúe experiencias para relaxarse nos balnearios galegos, coa participación da Asociación de Balnearios de Galicia. Será posible descubrir así por que un de cada catro balnearios coa Q de Calidade Turística españois están en Galicia.

Desenvolvemento económico 

Como explicou Nava Castro, o novo Club da Auga de Galicia nace para impulsar propostas sustentables, planificadas e respectuosas cos recursos naturais que, contando coa auga como fío condutor, favorezan o coñecemento e desenvolvemento económico da nosa contorna buscando a autenticidade.

Por iso, esta marca promove a creación e posta en marcha de novos produtos turísticos innovadores e diferenciadores para dar a coñecer, a través do turismo, a fortaleza dos sectores económicos que xiran ao redor da auga e difundir os potenciais e os valores dun uso responsable e sustentable deste recurso.

“É un perfecto exemplo da sustentabilidade que forma parte do ADN do turismo galego onde demostramos o noso compromiso cunha actividade que sabe integrarse na contorna na que se desenvolve, como así o demostra tamén o feito de que o 76% dos orzamentos da nosa Estratexia se vincule con actividades relacionadas co territorio”, explicou Nava Castro. 

 
Arriba