05 xuñ 2017

A oferta turística galega achégase a Polonia a través das xornadas de promoción de Lublin

Turismo de Galicia participou neste acontecemento, o máis importante no eido turístico da rexión

Trátase dun mercado en auxe, xa que Galicia incrementou a demanda turística de Polonia no primeiro cuadrimestre de 2017 nun 12%
 
No que vai de ano, chegaron a Galicia máis de 850 peregrinos deste país, un 29% máis que nas mesmas datas do ano pasado 

A pasada fin de semana a promoción da oferta turística galega centrouse en Polonia, onde Turismo de Galicia participou nas xornadas de promoción de Lublin. Trátase do acontecemento turístico para o público final máis importante da rexión, que acolle a milleiros de participantes na súa capital.

Así, o departamento de promoción turística da Xunta instalou un recinto de promoción a través do que se divulgaron os valores turísticos galegos, así como distintos aspectos culturais do territorio de Galicia.

Demanda turística

Polo que respecta á demanda turística, durante o primeiro cuadrimestre do ano 2017, Polonia mostrou un comportamento positivo. Así, superou os niveis de demanda do mesmo período do pasado ano nun 12%, tanto a cifra de viaxeiros aloxados coma no volume de pernoitas.

Con preto de 3.000 viaxeiros e case 3.600 noites nos establecementos hoteleiros da comunidade o mercado polaco representa o 2,2% do total internacional

Máis de 850 peregrinos polacos 

No que se refire ao Camiño de Santiago, o mercado polaco está a demostrar ser tamén un dos mercados en auxe. De feito, no que vai de ano realizaron algún dos itinerarios xacobeos un total de 854 peregrinos, mentres que o ano pasado por estas datas o fixeran 659, o que supón un incremento do 29%.

 
Arriba