12 xuñ 2017

Feijóo destaca a aposta do CSHG pola internacionalización cun convenio coa Universidade de Brighton que permitirá obter o título equivalente ao grao europeo

 Precisa que cunha estancia de tres meses no centro de hostalería e tres meses en Brighton os alumnos obterán a dobre titulación do Diploma Superior de Xestión Hoteleira no marco formativo europeo

 
Destaca o compromiso do centro coa formación na excelencia: ofrecendo prácticas en todos os ámbitos do sector e nas principais empresas turísticas de 90 países; así como a oportunidade de seguir formándose a través da Escola de Turismo Itinerante
 
Felicita os mozos protagonistas deste acto e incidiu en que a formación e implicación serán a panca do éxito nun mercado de traballo cada vez máis especializado

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou  a aposta do Centro Superior de Hostalaría de Galicia pola internacionalización e a formación de calidade cun convenio coa Universidade de Brighton que permitirá aos alumnos obter o título de Bachelor, equivalente ao Grao universitario europeo.

Durante a cerimonia de graduación dos alumnos da promoción 2017 do CSHG, Feijóo precisou que, cunha estancia de tres meses no centro de hostalería e tres meses en Brighton, os alumnos obterán a dobre titulación de Diploma Superior de Xestión Hoteleira no marco formativo europeo: “É dicir, o título propio do centro e o Grao internacional de hostalería”, precisou.

Feijóo destacou o compromiso do centro coa formación na excelencia ao ofrecer prácticas en todos os ámbitos do sector e nas principais cadeas hoteleiras e empresas turísticas de 90 países; así como a oportunidade de continuar formándose a través da Escola de Turismo Itinerante.

Nesta liña, afirmou que esta formación de calidade está avalada pola elevada inserción no mundo laboral, xa que o 85% dos titulados acceden ao mercado laboral no sector hoteleiro e turístico nos oito meses seguintes á finalización dos estudos.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego felicitou os mozos protagonistas deste acto e incidiu en que a formación e implicación serán a panca do éxito nun mercado de traballo cada vez máis especializado. “Ábrense ante vós diversos camiños e todos eles permitirán seguir acumulando experiencias profesionais e persoais”, dixo, incidindo nas posibilidades dun sector en auxe.

Feijóo concluíu lembrando que na actualidade o Centro Superior de Hostalería de Galicia, conta con 40 docentes, cunha ratio de 8,5 alumnos por profesor. E, desde 1995, formáronse máis de 2000 profesionais.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!