03 xul 2017

Turismo de Galicia organiza unha exposición fotográfica sobre os recursos turísticos galegos en Ratisbona

 A mostra ‘Fantástica Galicia’ conta con 51 fotografías de gran formato e permanecerá aberta ata o 9 de setembro

 
Esta exposición, que se pode visitar na biblioteca municipal desta cidade alemá, xa se exhibiu en varias cidades europeas e americanas
 
No primeiro cuadrimestre, Galicia rexistrou un 10% máis de turistas alemáns que no mesmo período do ano anterior
 
No que vai de ano, xa chegaron a Santiago 11.157 peregrinos alemáns, un 12% máis que nas mesmas datas de 2016

 A biblioteca municipal da cidade alemá de Ratisbona acollerá ata o vindeiro día 9 de setembro a exposición fotográfica Fantástica Galicia, a través da que se promoven os recursos turísticos da Comunidade galega, centrados na natureza e a cultura.

Trátase dunha exposición que conta con 51 fotografías de gran formato do fotógrafo Adolfo Enríquez nas que se mostran paisaxes, costumes e a arquitectura da comunidade galega, desde os prehistóricos castros, pasando polas edificacións románicas e barrocas, ata chegar aos proxectos construtivos máis contemporáneos.

Ademais a mostra inclúe unha ampla selección de fotografías relacionadas co Camiño de Santiago, a través das súas paisaxes, edificacións e peregrinos das distintas rutas.

Para a difusión deste evento en Ratisbona editáronse folletos que se distribuiron en distintos lugares senlleiros da cidade e pósters que se colocaron en oficinas de turismo e lugares públicos con gran presenza de público. Esta exposición fotográfica xa se puido ver en distintas cidades europeas e noutras americanas ao longo dos dous últimos anos.

O autor

O fotógrafo autor da exposición, Adolfo Enríquez, comezou a facer fotos aos 14 anos, por casualidade cando o seu pai trouxo a casa unha Yashica Electro 35 que atopara abandonada. Desde aquela, a fotografía foi unha constante na súa vida, ata converterse nun nomeado profesional que mostra unha gran paixón polos escenarios naturais de Galicia. Unha paixón plasmada en guías e revistas de viaxes, exposicións por toda España e nos libros Cara a Santiago e Sinte Galicia.

Demanda turística e peregrinos

Por outra parte, con algo máis de 19.500 viaxeiros aloxados e 30.000 noites nos establecementos hoteleiros de Galicia o mercado alemán situouse no primeiro cuadrimestre do ano en segundo lugar por detrás de Portugal cunha cuota de mercado do 8,9% do total internacional.

Este mercado, presentou un comportamento positivo, superando nun 10% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 11,5% o volume de pernoitas do mesmo período do pasado ano.

Polo que respecta ao número de peregrinos, no que vai de ano xa recibiron a Compostela un total de 11.157 peregrinos alemáns, un 12% máis que no mesmo período do ano anterior.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!