12 dec 2013

Turismo de Galicia, a Amtega e a EOI colaborarán nun proxecto para fomentar a innovación e a competitividade nas pemes do sector turístico vinculadas ao Camiño de Santiago

O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración para desenvolver o proxecto ‘Camiño Intelixente’. Entre os obxectivos da colaboración está a consolidación do Camiño como referente de Destino Turístico Intelixente e a posta en marcha dun sistema de xestión, unha plataforma de información turística de xeorreferenciación e consulta.O proxecto pretende consolidar a Ruta Xacobea como Destino Turístico Intelixente; ofrecer un servizo turístico personalizado e incrementar a fidelización dos clientes

A Axencia de Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia, a Escola de Organización Industrial e mais Turismo de Galicia asinarán un convenio de colaboración para levar a cabo un proxecto para o fomento da innovación e a competitividade nas pemes do sector turístico vinculadas ao Camiño de Santiago ‘Camiño Intelixente’. Así o aprobou hoxe o Consello da Xunta que autorizou a subscrición deste acordo.

A colaboración entre a Fundación EOI, a Amtega e Turismo de Galicia terá por obxectivo, xa que logo, o desenvolvemento conxunto do proxecto ‘Camiño Intelixente’. A finalidade deste proxecto é potenciar e fortalecer as posibilidades do Camiño de Santiago como referente de Destino Turístico Intelixente. Con el perséguese, así mesmo, unha mellora da competitividade das Pemes do sector turístico coa posta en marcha dun sistema de xestión e unha plataforma de información turística de xeorreferenciación e consulta.

De igual modo, poñerase en marcha unha Interface de actualización da información; así como un sistema de xestión da información turística, unha plataforma para a integración de información contextual no ámbito e mais unha ferramenta avanzada de elaboración de rutas turísticas para a promoción das Pemes beneficiarias. O obxectivo final destas ferramentas é conseguir un turismo ‘personalizado’ e a fidelización dos clientes.

Camiño Intelixente
O proxecto desenvolverase de xeito íntegro en Galicia e a Fundación EOI comprométese a desenvolver tarefas de relación coa autoridade de xestión do programa operativo; selección dun coordinador do proxecto; proposta do plan de proxectos e do plan de difusión; selección de profesionais especializados para as actividades programadas e dirixir e executar as actividades, así como asegurar o cumprimento dos criterios tecnolóxicos, funcionais e de calidade.

Pola súa banda, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e mais Turismo de Galicia contribuirán á elaboración do plan de proxectos; á elaboración do plan de promoción e difusión; á captación de empresas beneficiarias e mais a proporcionar á plataforma de xestión a información turística precisa e ao seu mantemento durante cinco anos.

Arriba