11 abr 2014

O Museo das Peregrinacións acolle desde hoxe a mostra ‘Il Cammino di Francesco. Fotografías de Steve McCurry’ no marco do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, participou na apertura da mostra, que conta con 50 imaxes nas que se percorren os lugares máis significativos na vida do Santo de Asís.


A exposición pode visitarse ata o día 2 de xuño e conta coa colaboración do Museo das Peregrinacións e de Santiago e coa coorganización de Cammino di Francesco, o Comune di Rieti, a Regione Lacio, o Progetto ABC e Sudest.


Turismo de Galica, a través do Xacobeo, abre tamén hoxe en Astorga a mostra ‘Peregrinatio. El Camino de San Francisco a Santiago’ con fotos de Manuel Valcáracel e música de Alexandro González, que poderá visitarse no Seminario da localidade ata o 9 de maio.

Inauguración da exposición en Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu hoxe na apertura da mostra Il Cammino di Francesco. Fotografías de Steve McCurry que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e que poderá visitarse ata o día 2 de xuño no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

A mostra conta con 50 fotografías agrupadas polos seguintes lugares: Contigliano, Monte Terminillo, Cantalice, Rieti, La Foresta, Greccio, Fonte Colombo e Poggio Bustone, así como con imaxes e textos introdutorios á exposición.

Turismo de Galicia organiza esta mostra en colaboración co Museo das Peregrinacións e de Santiago e mais coa coorganización de Cammino di Francesco, o Comune di Rieti, a Regione Lacio, o Progetto ABC e Sudest57.

Segundo explicou a directora de Turismo, a figura de Francisco de Asís ten deixado a súa pegada indeleble na Ruta Xacobea. “Galicia celebra ata mediados de 2015 a conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e é aquí, na meta do Camiño de Santiago onde honramos a vida e a obra do Santo de Asís”, explicou.

Nava Castro destacou que con esta exposición, un dos actos organizados con motivo desta efeméride, “queremos ter presente tamén a orixe do Camiño de San Francisco e as paisaxes, lugares e santuarios ligados á súa vida”.

Nos lugares franciscanos do Val do Santo de Rieti, onde se escribiu a regla franciscana aprobada polo papa Onorio III, foi onde San Francisco fixo o primeiro Belén – concretamente en Greccio-. Unha exposición celebrada en Santiago o pasado Nadal e tamén enmarcada no VIII Centenario quixo lembrar a figura do San Francisco Belenista e contou con pezas procedentes de Greccio. Segundo explicou Nava Castro, “este foi o primeiro achegamento á orixe da figura de San Francisco, que nos acompañará ao longo de todos os actos que configuran o oitavo centenario e que sitúan a Galicia no centro da oferta cultural”.

Ao tempo, explicou que en Rieti naceu o concepto de misión franciscana. Foi dende Poggio Bustone dende onde saíu San Francisco en peregrinación a Santiago de Compostela. O santuario de Poggio Bustone está dedicado precisamente a Santiago Apóstol. A mostra tamén afonda nos pobos e nas xentes que hoxe habitan os espazos que hai oito séculos percorreu o Santo de Asís na súa peregrinación a Compostela. A exposición Il Cammino di Francesco é tamén unha evocación ás rutas franciscanas que atravesan Europa e polas que peregrinou o Santo de Asís.

A personalidade de San Francisco de Asís, a súa figura e o seu legado son o fío conductor do percorrido realizado polo artista Steve McCurry. O fotógrafo estadounidense percorreou as paisaxes vitais de San Francisco. Steve McCurry foi informador de conflictos internacionais en Afganistán, Irán, Iraq e a Guerra do Golfo. Ten acadado importantes distincións internacionais como a Robert Capa Gold Meal e pertence á axencia Magnum dende 1986.

Territorios e xentes de Sri Lanka, India ou Tibet forman parte da súa paisaxe fotográfica e utiliza as miradas e as atmósferas para transmitir a mensaxe que conforma o fío argumental da súa historia. McCurry traballa coa emoción e interactúa co fotografado ata conseguir comunicar sentimentos. Así, en Il Cammino di San Francesco quixo transmitir a impronta que deixou a figura do poverello naqueles espazos nos que habitou, aos que transformou para sempre.

Apertura da mostra ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’ en Astorga
O Seminario de Astorga acolle ata o 9 de maio a mostra Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago, do fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González. A exposición, organizada por Turismo de Galicia, conta co patrocinio do Banco Etcheverría e coa colaboración do Concello e a Diócese de Astorga.

Percorre en imaxes a viaxe de San Francisco de Asís dende Italia a Compostela e recolle as paisaxes e espazos sacros que son atravesados polos peregrinos. A mostra componse de 50 fotografías e un audiovisual de 10 minutos de duración; conta tamén con música orixinal e é o froito da viaxe de ambos artistas galegos a través das rutas xacobeas.

Arriba
Axúdanos a mellorar!