11 xul 2014

Nava Castro destacou o atractivo turístico internacional da Romaría Vikinga de Catoira no acto de sinatura do convenio para a celebración da súa edición número 54

A directora de Turismo de Galicia destacou o feito de que o Plan Integral de Turismo de Galicia recolla o apoio ás festas de interese turístico como factor de potenciación dos nosos recursos endóxenos, como elementos de desestacionalización e como atractivo para novos segmentos de público.

A directora de Turismo resaltou o crecemento do mercado internacional nas Rías Baixas, do 15,2% en viaxeiros e do 24,4% en pernoitas.

O alcade de Catoira e a directora de Turismo de Galicia, na sinatura do acordo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde de Catoira, Alberto García García asinaron  na localidade pontevedresa o convenio de colaboración entre ambas administracións para a celebración da edición número 54 da Romaría Vikinga de Catoira.

Segundo manifestou a directora de Turismo, esta celebración conforma un dos “elementos característicos e esenciais da cultura e tradición de Galicia”. A Romaría Vikinga foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional no 2002 e para a súa concesión tívose en conta a súa antigüidade e continuidade no tempo, así como a súa orixinalidade, arraigo e a participación cidadá no desenvolvemento da propia festa.

“Hoxe estes elementos perduran e ao igual que as outras seis festas de interese turístico internacional, as doce de interese nacional, máis as 103 de interese de Galicia, son un atractivo turístico de primeiro orde da nosa comunidade”, explicou Nava Castro que destacou tamén o atractivo turístico internacional deste festexo e a súa singularidade e potencialidade para a difusión dos recursos turísticos da zona.

A directora de Turismo lembrou tamén que o Plan Integral de Turismo de Galicia que se presentou este ano reflexa o apoio as festas de interese turístico na súa segunda liña estratéxica referente á oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos produtos.

Segundo matizou, unha das accións a impulsar neste ámbito son a planificación, organización e difusión das festas de interese turístico nacional, internacional e galegas para acadar a máxima repercusión das mesmas. “Cumprindo o Plan Integral de Turismo, este convenio é unha das ferramentas utilizadas para colaborar nos gastos de promoción desta gran cita do verán que se vai a desenvolver do 24 deste mes ao 3 de agosto”, explicou.

A directora de turismo destacou que a potenciación das festas, ao igual que outras iniciativas que se están levando a cabo como a conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela son alicientes para que o turista acuda a Galicia.

Unha destas actividades programadas no marco desta celebración é a I Travesía Naútica Xacobea, que nesta mesma semana rematará coa xuntanza dos tripulantes da ruta Atlántica e os da ruta Mediterránea. Conxuntamente realizarán nun catamarán a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla conmemorando a chegada a Galicia por mar do corpo do Apóstolo Santiago.

Datos turísticos das Rías Baixas
Na súa intervención, a directora de Turismo resaltou os últimos datos oficiais referentes ao mes de maio que reflicten que en Galicia produciuse un aumento dos niveis de demanda superando nun 13,2% a cifra de viaxeiros do mesmo mes do pasado ano e nun 9,1% o nivel de pernoitas.

Concretamente, nas Rías Baixas tanto nos viaxeiros como nas pernoitas detectáronse incrementos do 10 e o 12,6% respectivamente con respecto a maio de 2013. O mercado nacional medrou nas Rías Baixas un 8,6% en viaxeiros e un 10% en pernoitas e o o mercado internacional tamén obtivo crecementos do 15,2% en viaxeiros e do 24,4% en pernoitas.

Arriba
Axúdanos a mellorar!