19 xan 2015

A rede pública de albergues do Camiño Inglés experimentou en 2014 un espectacular crecemento no seu número de pernoitas

En total no 2014 rexistráronse nos albergues do Camiño Inglés 10.530 pernoitas, o que supuxo un incremento de máis do 61% en comparación coas rexistradas no ano 2013.

Neste último ano 2014 implementáronse 30 novas prazas no Camiño Inglés grazas á apertura dun novo albergue en Sergude, Carral
Durante o 2014 recolleron a Compostela 7.194 peregrinos procedentes do Camiño Inglés, un 62,3% mais que no ano 2013.

Turismo de Galicia asinou, o pasado mes de decembro, un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para levar a cabo, entre outras iniciativas, accións de mellora no Camiño Inglés.

A rede pública de albergues do Camiño Inglés, xestionada por Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, experimentou no pasado ano 2014 un espectacular incremento no seu número de pernoitas.

En total rexistráronse nos albergues do Camiño Inglés 10.530 pernoitas no pasado ano, o que supuxo un incremento de máis do 61% en comparación coas rexistradas no ano 2013.

Despois do Camiño Inglés, as rutas que experimentaron un maior crecemento no que a número de pernoitas se refire foron o Camiño Norte –cun incremento do 5,68%- e o Camiño Portugués – cun incremento do 1,94%-.

Neste último ano 2014 implementáronse 30 novas prazas no Camiño Inglés grazas á apertura dun novo albergue en Sergude-Carral. Deste xeito, a rede pública de albergues da Xunta abarca no Camiño Inglés 5 aloxamentos públicos que ofrecen aos peregrinos un total de 139 prazas.

En canto ao número de peregrinos, durante 2014 recolleron a Compostela 7.194 peregrinos procedentes do Camiño Inglés, un 62,35% mais que no ano 2013.

Aposta pola revitalización, conservación e dinamización do Camiño Inglés
Turismo de Galicia asinou, o pasado mes de decembro, un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para a valorización dos recursos turísticos da provincia da Coruña.

O dito convenio abarca accións de mellora no Camiño Inglés como o emprego das novas tecnoloxías da información co obxecto de facilitar aos peregrinos e turistas os servizos tecnolóxicos mais avanzados, accións para a recuperación de espazos naturais degradados ao longo do Camiño co obxecto de reducir o impacto dos residuos xerados polo sector turístico, accións de sensibilización social para a promoción dun Camiño Sostible e accións encamiñadas a mellora da accesibilidade do Camiño nas propias etapas e nos distintos albergues a través dun programa para a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Este convenio é unha mostra mais da aposta de Turismo de Galicia pola revitalización, conservación e dinamización desta ruta.

Arriba