21 set 2015

Operadores turísticos de Noruega coñecen a oferta termal galega nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia

Visitaron os establecementos e os recursos termais das catro provincias galegas, así como Santiago de Compostela, a Ribeira Sacra e as Rías Baixas.

O mercado turístico de Noruega medrou un 15,9% na cifra de viaxeiros aloxados e nun 11% no nivel de pernoitas ao longo dos sete primeiros meses do ano en relación ao mesmo período do ano anterior.

Os operdores noruegueses, na Muralla de Lugo.

Un grupo de representantes dos principais operadores turísticos especializados en turismo de saúde de Noruega visitaron recentemente a Comunidade galega co obxecto de coñecer a súa oferta termal no ámbito dunha viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Asociación Balnearios de Galicia.

Os participantes nesta viaxe representaban ás compañías Vin & Matglede, Eurotravel, Sør Vest Reiser e Senior Travel. Ademais, acompáñaos nesta viaxe un xornalista do xornal Østfoldavisen.

Os operadores turísticos noruegueses fixeron unha visita a Tui, vila histórica cuxo casco antigo foi declarado conxunto histórico- artístico no ano 1951. E coñeceron o balneario de Cuntis, así como o hotel Termas de Cuntis.

Visita a Lugo
Os axentes turísticos de Noruega fixeron un tour pola cidade de Lugo, con visitas á Catedral de Santa María, á praza Maior, á Domus de Mitreo e á Muralla Romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000.

Logo deste percorrido pola cidade, os visitantes achegáronsee ata o Balneario de Lugo, onde puideron coñecer as súas instalacións así como as termas romanas situadas no complexo termal.

Ribeira Sacra
Os operadores turísticos convidados por Turismo de Galicia para coñecer a oferta termal de Galicia visitaron a Ribeira Sacra, destino turístico que aspira a converterse en Ben Patrimonio da Humanidade e que alberga a meirande concentración de cenobios e mosteiros de Galicia.

Nesta contorna, estiveron nunha adega da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra, o miradoiro dos Balcóns de Madrid, así como os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas. Tamén se achegaron ata o complexo Laias Caldaria Hotel Balneario para visitar as súas instalacións e gozar dos seus tratamentos termais.

As Rías Baixas e Santiago de Compostela
Na súa estadía en Galicia, os operadores turísticos noruegueses acehgáronse tamén ata as Rías Baixas para visitar a vila de Sanxenxo, a praia da Lanzada e Cambados, ademais de embarcarse nun pequeno cruceiro pola Ría de Arousa.

Os visitantes de Noruega trasladáronse á cidade de Santiago de Compostela para visitar a Catedral e as súas cubertas. Logo, achegáronse ata o Hotel Balneario de Compostela, en Brión, para coñecer as súas instalacións e recursos termais.

A estadía dos operadores turísticos noruegueses rematou onte, día 21 de setembro, cando partiron cara os seus lugares de orixe.

Mercado noruegués
O mercado noruegués experimentou, nos primeiros sete meses deste ano 2015, un importante incremento dos seus niveis de demanda no segmento hoteleiro de Galicia, superando nun 15,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 11% o nivel de pernoitas do mesmo período do pasado ano.

Arriba
Axúdanos a mellorar!