13 feb 2017

Nava Castro destaca en Cerdedo-Cotobade o investimento de máis de 18 mil euros que permitiu sinalizar o patrimonio arqueolóxico do concello

 A directora de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitaron hoxe o concello, xunto co alcalde, para supervisar o resultado da intervención

A sinalización foi realizada no marco da liña de subvencións de máis de 1,33 millóns de euros que destinou en 2006 Turismo de Galicia para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural

Cerdedo-Cotobade foi así un dos 21 concellos da provincia de Pontevedra que se beneficiaron destas axudas, un total de 82 en toda a Comunidade galega

 

A responsable de Turismo da Xunta explicou que o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización axeitadas para convertelo nun recurso turístico accesible

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron  o concello de Cerdedo-Cotobade, xunto co alcalde, para supervisar o resultado da sinalización do patrimonio arqueolóxico realizada no marco da liña de subvencións de máis de 1,33 millóns de euros que destinou en 2006 o departamento que dirixe para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural.

A través desta liña de subvencións o concello de Cerdedo-Cotobade recibiu unha subvención de máis de 18 mil euros para a instalación dun total de 21 sinais turísticas. Cerdedo-Cotobade foi así un dos 21 concellos da provincia de Pontevedra que se beneficiaron destas axudas, un total de 82 en toda a Comunidade galega.

Durante a visita a directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización axeitadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. “Traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”, engadiu.

Neste senso, Nava Castro manifestou que con iniciativas como esta potenciase o medio rural da nosa comunidade e consolídase Galicia como un destino turístico accesible para todos.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia afirmou que estas accións contribúen a incrementar as cifras de demanda dos establecementos rurais da nosa comunidade, que rexistraron o pasado ano unha mellora notable, superando nun 8,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 17% o seu nivel de pernoitas en relación ao mesmo período do 2015. “Este segmento acadou así máximos históricos”, sinalou Nava Castro.

Liña de subvencións

Mediante esta liña de subvencións mellorouse a accesibilidade física e a sinalización dos recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais.

Deste xeito, grazas a estas axudas, os concellos do medios rural puideron levar a cabo obras de construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas.

Ademais, esta liña de axudas posibilitou a construción, rehabilitación e mellora das instalacións que contribúen a optimizar os accesos e a circulación dos visitantes.

Así mesmo, con este investimento do departamento de Turismo da Xunta de Galicia, os concellos do rural tamén se beneficiaron da mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, ademais da sinalización, información visual e información táctil.

Arriba