25 set 2017

Turismo de Galicia presenta a súa oferta turística en Xapón a través da feira JATA

 O departamento de Turismo da Xunta tamén promoveu estes días en Madrid os centros BTT dentro do certame Unibike

 
A cifra de pernoitas dos viaxeiros xaponeses que se achegaron a Galicia nos sete primeiros meses do ano medrou un 10,6%
 

 A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, encabezou a representación galega que participou na feira JATA Travel Showcase 2017, que se celebrou na capital de Xapón e na que a Comunidade galega contou cun espazo para promover a oferta turística galega entre os milleiros de persoas que visitarán este certame.

JATA é unha feira xeral de turismo organizada pola Japan Association of Travel Agents. É un dos certames de maior tradición dentro do mercado nipón. Turismo de Galicia estará presente por sexto ano consecutivo.

Antes da apertura da feira tivo lugar un workshop organizado pola propia feira no que Turismo de Galicia estivo presente con citas cos operadores xaponeses interesados en incluír Galicia nos seus programas, así como de reforzar o contacto cos que xa traballan a nosa Comunidade.

Por outra parte, durante a feira, a OET en Tokyo organizou un encontro de traballo con operadores, medios de comunicación e profesionais do turismo, acción na que tamén estará presente Galicia.

Destino en alza

Galicia continúa a ser un destino en alza para o turista xaponés, que aprecia de xeito especial a nosa riqueza cultural e monumental, a gastronomía, a natureza e o Camiño de Santiago. Neste ámbito, Turismo de Galicia presentaralles aos operadores turísticos as posibilidades que ofrece Galicia para a organización de viaxes turísticas. Ademais, o público final poderá obter directamente información sobre a oferta turística da Comunidade galega.

Por outra parte o mercado xaponés xerou nos primeiros sete meses deste ano preto de 13.600 pernoitas, cifra que supera nun 10,6% o dato do mesmo período do pasado ano.

A cifra de viaxeiros xaponeses situouse en algo máis de 8.700 neste período, consolidádose como o primeiro asiático na nosa Comunidade.

 

Arriba