02 out 2017

Turismo de Galicia e Portos de Galicia impulsan a captación de clientes náuticos na feira Grand Pavois de La Rochelle, en Francia

 

A Administración autonómica coordinou ademais a presenza dos xestores dos portos deportivos galegos no evento e promocionará a iniciativa Cruceiros Costeiros

 Turismo de Galicia e Portos de Galicia participaron un ano máis no salón sectorial Grand Pavois de La Rochelle como iniciativa de impulso á captación de clientes náuticos internacionais para as instalacións deportivas dos peiraos galegos. Ambos organismos autonómicos contaron cun stand no evento que se celebrou na localidade francesa e mantiveron unha axenda de reunións e actividades promocionais durante os días de feira.

Coa súa presenza na feira, a Administración autonómica coordinou ademais a asistencia das entidades xestoras de instalacións náutico recreativas galegas nunha das principais citas náuticas europeas. Así mesmo, o presidente de Portos de Galicia aproveitou a presenza no salón para dar a coñecer a iniciativa Cruceiros Costeiros que o ente público ten en marcha por segundo ano consecutivo en colaboración con Turismo de Galicia.

O Grand Pavois, celebrado por primeira vez en 1973, aglutina aos principais operadores do sector náutico recreativo de todo o mundo. Neste marco, Portos e Turismo impulsan a promoción da oferta de turismo náutico na nosa comunidade mediante a súa presenza institucional no evento. Xunto aos departamentos autonómicos, a comitiva galega reuníu a representantes municipais e operadores dos principais portos deportivos dependentes da Xunta de Galicia.

A proposta da Xunta de Galicia baseouse no establecemento de sinerxías entre os diferentes peiraos autonómicos para unir o conxunto das potencialidades náuticas da nosa comunidade nunha oferta comercial común. Con esta finalidade os axentes e operadores do sector avanzaron nas diferentes especializacións de cada un de xeito que poidan integrarse nunha proposta global máis competitiva de cara ao exterior.

O obxectivo último da representación galega no Grand Pavois pasou polo establecemento de contactos comerciais e posibilidades de negocio internacional entre as entidades náuticas galegas e outras presentes na feira, nomeadamente as do sur de Francia, Reino Unido e Europa mediterránea. Con este fin, Portos de Galicia e Turismo afondaron de novo nesta edición nas relacións empresariais xa perfiladas coa presencia na cita en anos anteriores. 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!